O ex director do CERN Rolf Heuer conmemora na USC o X aniversario do descubrimento do bosón de Higgs

Ademais de Rolf Heuer, interveñen na Nerd Nite o profesor da USC e investigador do IGFAE, José Edelstein, e Pier Paolo Giardino, investigador distinguido do IGFAE. ‘O segredo está na masa’ é o título da intervención do profesor Edelstein; mentres que Giardino disertará sobre ‘O bosón de Higgs, unha luz na escuridade’. As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo. O coordinador das Nerd Nites é o catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira Pérez.
Semana da Ciencia
Rolf Heuer é protagonista tamén da Semana da Ciencia do IGFAE. Nesta quinta edición, o físico alemán imparte unha charla de divulgación sobre o bosón de Higgs, a partícula que supuxo un fito na historia da ciencia e acaparou a atención de todos os medios de comunicación e a sociedade hai agora unha década. Titulada ‘Celebrando 10 anos do bosón de Higgs: explorando o universo temperán no CERN’, a entrada é de balde previa reserva de invitación nesta ligazón, ata completar capacidade. Haberá tradución simultánea do inglés ao castelán.
Unha traxectoria dedicada aos aceleradores de partículas
Rolf-Dieter Heuer (Göppingen, Alemaña, 1948) estudou física na Universidade de Stuttgart e doutorouse na Universidade de Heidelberg. De 1978 a 1983, foi físico investigador na Universidade de Heidelberg, traballando no anel de almacenamento de electróns-positróns PETRA como membro da colaboración JADE. De 1984 a 1998, foi membro do CERN, traballando para a colaboración OPAL no Gran Colisionador de Electróns e Positróns (LEP). Dende 1994, foi o voceiro da colaboración.
Parte da súa carreira estivo relacionada coa construción e o funcionamento de grandes sistemas de detectores de partículas para estudar colisións electrón-positrón. Ao deixar o CERN en 1998, asumiu unha cátedra na Universidade de Hamburgo, onde estableceu un grupo que traballa na preparación de experimentos nun posible futuro colisionador lineal de electróns e positróns. Ao asumir o seu nomeamento como director de investigación de física de partículas e astropartículas no DESY en 2004, Heuer foi responsable da investigación no acelerador HERA, a participación do DESY no LHC e a I+D para un futuro colisionador de electróns e positróns. En 2009 substituíu a Robert Aymar como director xeral do CERN e en 2015 Fabiola Gianotti pasou a ser a directora ata a actualidade.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)