Skip to main content

'Elas leváronnos ao espazo' recolle as biografías de 12 mulleres relevantes na carreira espacial

A presentación tivo lugar no pazo provincial contando coa participación das promotoras desta iniciativa, que son Nieves Lorenzo e Inés Álvarez, profesoras do campus de Ourense; Encina Calvo, da Universidade de Santiago de Compostela, e a ilustradora do libro e da mostra Manuela Elizabeth Rodríguez “MeliMolita”, xunto á deputada provincial de Igualdade Luz Doporto. A iniciativa, destacaron as súas promotoras, xorde no marco da aposta por impulsar a presenza da muller no eido das CTEM da institucións implicadas e coa confianza de que contribúa a espertar vocacións neste ámbito, ofrecendo referentes de ciencia femininos e incrementando a bibliografía en galego sobre mulleres relacionadas coa ciencia. Na súa intervención, Luz Doporto subliñou que a publicación complementa a citada exposición que, indicou, “está percorrendo toda Galicia”. Neste senso, Nieves Lorenzo apuntou que a mostra ata o de agora leva percorridos 41 centros educativos galegos, chegando a arredor de 12.000 rapazas e rapaces.

12 referentes

Esta publicación divulgativa, explican as súas promotoras, “amosa as biografías de 12 mulleres, nas que se recollen os principais logros daquelas que co seu coñecemento e traballo axudaron na exploración do espazo”. Así, nela están presentes matemáticas, químicas, enxeñeiras e informáticas que posibilitaron as viaxes espaciais ademais das astronautas que conseguiron navegar polo cosmos. Entre elas, e ampliando as mulleres recollidas na mostra, no libro inclúese á astrofísica galega Begoña Vila e cítanse dúas egresadas do Grao en Aeroespacial da UVigo, Sara Rodríguez e Ana Cambón, que traballan na Axencia Espacial Europea.

Elas, leváronnos ao espazo, comentan as súas responsables, “invítanos a descubrir o inmenso traballo de equipo que hai tras as viaxes e os logros acadados na historia da exploración espacial da man de doce mulleres brillantes e xeniais. O seu labor e o seu tesón ante as adversidades son un valioso testemuño do necesario papel da muller na ciencia”. Así, lembran, a maior parte da xente ten oído falar de Neil Armstrong, comandante da tripulación do Apollo XI e o primeiro ser humano en poñer un pé na Lúa, pero non das mulleres que fixeron posible este voo como Judy Sullivan, Rita Rapp ou Annie Easley. O cine e a literatura, advirten, “sempre nos contaron esa proeza dende a perspectiva dos astronautas pero a conquista do espazo non é exclusiva dos astronautas que chegaron á Lúa”, facendo fincapé en que para “pór un pé na Lúa foi necesario o traballo dun inmenso equipo de persoas que estudaron, calcularon e comprobaron, unha e outra vez, que a misión fose posible”.

Por todo isto, a publicación lanzada este mércores presenta algunhas das mulleres claves no éxito da misión do Apollo XI e na posterior exploración do espazo. “Elas calcularon as traxectorias de voo, programaron os primeiros computadores, descubriron o combustible dos foguetes e deseñaron o interior dos transbordadores, entre outras moitas cousas. Sen elas, hoxe non estariamos falando da próxima misión á Lúa ou de poñer un pé en Marte. Con este libro queremos darlles referentes ás novas xeracións, xa que non se pode querer ser o que non se coñece”, afirman.

A edición deste libro foi posible grazas á axuda da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, da Deputación de Ourense, do Parque Tecnolóxico de Galicia e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e Espazo do campus de Ourense, ademais de contar coa colaboración da Área de Normalización Lingüística e do proxecto eXXperimenta en Feminino. Coa idea de acadar un maior impacto, o libro editouse en formato electrónico e unha remesa en formato papel para enviar aos colexios da provincia de Ourense. Estará proximamente a dispor do público interesado para a súa descarga de balde na páxina web de eXXperimenta en Feminino.
Universidade de Vigo