Skip to main content

USC e Xunta presentan un estudo sobre a delimitación de competencias na administración local de Galicia

No acto participaron o reitor da Universidade da USC, Antonio López, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o ademais da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

O estudo foi realizado por integrantes do grupo de investigación Empresa e Administración da USC, no que toman parte Luís Míguez, Marcos Almeida, Diana Santiago e Andrea Garrido, coa participación de todas as consellerías da Xunta. Nel avalíanse ámbitos como os servizos sociais, o mantemento de centros docentes e de saúde, a atención ás emerxencias, o medio ambiente ou a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero, entre outros aspectos. Trátase dos eidos onde se detectan maiores dificultades de deslinde competencial entre ambas as administracións co obxectivo de evitar duplicidades e garantir unha mellor prestación de servizos públicos. 

Pola súa banda, o reitor da USC destacou que esta colaboración redunda nunha mellor optimización dos recursos públicos que xestionan cada unha das administracións sobre as que se vertebra o sistema. “Neste ámbito só debe haber alternativa ao rigor, á precisión e ao mellor aproveitamento dos recursos, porque así garantimos que a cidadanía reciba os mellores servizos posibles”, engadiu. Nesta liña, incidiu en que participar neste traballo supuxo para a entidade académica “realizar unha transferencia de coñecemento no ámbito do Dereito e o estudo legal, pero sobre todo contribuír de xeito aplicado e inmediato ao mellor entendemento dunha situación de actualidade e relevancia social”.

Na súa intervención, Diego Calvo referiuse ao estudo como un primeiro paso para reforzar a colaboración cos concellos co obxectivo de seguir atendendo as súas necesidades e garantir a súa autonomía financeira, “sempre desde a lealdade institucional”. 

O estudo sobre a delimitación competencial no ámbito da Administración Local presentado este martes apunta que a indefinición de competencias entre as administracións redunda, en ocasións, no incremento dos custos da prestación de moitos servizos públicos e procura dar a coñecer como se financia esta prestación, pór de relevo as principais discrepancias entre as entidades locais e a administración autonómica e determinar a interpretación técnica desas controversias así como as súas posibles solucións. 

O equipo responsable do texto salienta que se trata dun documento aberto no que se continúa traballando para incorporar a diario as diversas modificacións normativas e os cambios derivados da súa aplicación.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)