A USC participa na creación da primeira granxa europea que producirá alimentos a partir de augas depuradas

Castellana Grotte, na rexión italiana de Puglia, é o lugar elixido para albergar a granxa piloto que está previsto que abra as súas portas ao público en 2026. “Imaxinádevos que unha planta de tratamento de augas residuais se converte nunha granxa”, explican dende a coordinación do proxecto, “coa tecnoloxía adecuada, podemos producir peixe e vexetais, en cada cidade, sen solo, nin auga doce, e sen emisións de gas". As augas residuais en Europa sométense a un tratamento rigoroso e convértense en auga rexenerada que se pode verter legalmente na capa freática ou utilizarse para a rega. Con todo, cando se aplican pasos de tratamento adicionais (tratamentos terciarios avanzados), a auga recuperada vólvese indistinguible da auga potable.
“Existe un baleiro regulatorio en Europa: podemos usar auga rexenerada para a agricultura pero non para a acuicultura e a acuaponía”, relata o coordinador do proxecto, Fabio Ugolini, “queremos sentar as bases para un novo marco político en apoio da acuicultura europea e demostrar a viabilidade dunha cadea de valor alimentaria completamente nova”.
Accións
Para alcanzar o horizonte previsto para 2026, as institucións integrantes do consorcio deberán centrarse en que a auga depurada estea libre de todos os contaminantes potencialmente daniños, incluídos os contaminantes de preocupación emerxente que actualmente non están regulados na Directiva Europea de Augas Residuais; en segundo lugar, a granxa acuapónica debe producir peixe e vexetais que cumpran cos requisitos de seguridade e calidade máis estritos; en terceiro lugar, o sistema debe ser sostible dende unha perspectiva ambiental, social e económica; por último, os resultados deben ser o suficientemente sólidos como para convencer tanto aos políticos como aos consumidores dos beneficios de utilizar o que orixinalmente eran augas residuais para producir produtos comestibles.
Para acometer todas esas accións, o consorcio conta cun financiamento superior aos cinco millóns de euros ao abeiro da convocatoria da Unión Europea ‘HORIZON-CL6-2022-FARM2FORK-01’ e cofinanciado polo UK Research and Innovation (UKRI).
Universidade de Santiago de Compostela (USC)