Un estudo acouta os riscos para a saúde que parte da literatura científica atribúe ao cambio de hora

En concreto, o artigo titulado ‘Sample size bias in the empirical assessment of the acute risks associated with daylight saving estafe transitions’, publicado na revista Chronobiology international, aborda a metodoloxía empregada en oito artigos que miden a influencia do cambio de hora en infartos de miocardio e en isquemias; e outros cinco traballos que o fan en base a datos de accidentes de tráfico e en admisións a urxencias por traumatismos. Os investigadores españois analizan a relación do risco estimado co número total de casos investigados e limitan a incidencia dos riscos asociados ao cambio de hora de primavera ao 5%, mentres que para o cambio de outono non detectan incrementos asociados.
"Os traballos que máis chaman a atención son os que maiores riscos reportan; observamos que son tamén os que se limitan a unha rexión máis concreta ou a un período de anos máis curto; cando se desconta o tamaño do estudo todos os resultados son compatibles cun incremento dos riscos do 5%, que se cualifica habitualmente como lixeiro", explican os investigadores. Ademais, subliñan que o estudo dos riscos asociados ao cambio de hora é só unha parte do proceso de avaliación, o cal debería incluír tamén un estudo dos riscos vinculados con non practicar dita modificación horaria.
“Hai países practicando o cambio estacional da hora dende hai máis de 100 anos sen sobresaltos, agora as técnicas estatísticas e a minuciosidade dos rexistros permiten afinar os cálculos e identificar impactos sociais e na saúde, que antes pasaban desapercibidos porque son pequenos en comparación cos múltiples factores que inflúen no problema”, sinala Jorge Mira. “Observamos que practicar o cambio de hora axudou a non adiantar os horarios no inverno, algo que se demanda por parte de profesionais da Medicina e especialistas en fisioloxía porque en si mesmo implica unha mellora en cuestións sociais e de saúde”, matiza Martín Olalla.
Fai tan só unhas semanas, os mesmos investigadores cuestionaron un manifesto da Sleep Research Society que pedía eliminar o cambio de hora en Estados Unidos e manter a hora de inverno. “Na nosa latitude seguiremos tendo amenceres temperáns no verán e tardíos no inverno; o cambio de hora é unha forma de ligar o inicio da xornada laboral co amencer”, sinala Mira. Pola súa banda, Martín Olalla destaca que “o cambio de hora é un pouco como o cambio de armario: molestias que traen as estacións á nosa latitude; para moitos non sería agradable calzar sandalias no inverno ou botas no verán”. Este traballo acaba de ser obxecto dunha recensión no marco dunha perspectiva publicada sobre a cuestión horaria polo boletín do Journal of the American Medical Association.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)