Unhas xornadas abordan a violencia e a morte na historia
Tal e como destacou Julio Prada na benvida ao numeroso alumnado do Grao de Xeografía e Historia presente nas xornadas, esta actividade forma parte da programación didáctica, do apartado de eventos científicos, de todas as áreas con actividade na Facultade de Historia deste campus. Por este motivo, para as xornadas escolleuse unha temática transversal sobre a que as áreas implicadas propoñen un especialista para abordar algún aspecto relacionado con ese tema desde o seu campo de interese. Deste xeito, na cita celebrada este xoves participaron as áreas de Historia Moderna, Historia Contemporánea e Historia de América. Nunha segunda edición das xornadas que terá lugar a finais de outubro, volverase a falar da violencia e a morte na historia pero desde enfoques propostos por outras áreas. “O Grao de Xeografía e Historia que impartimos na nosa facultade é xeralista e con este tipo de xornadas queremos ofrecer ao noso alumnado temáticas e actividades de especialización”, comenta Julio Prada.
Universidade de Vigo