O ex ministro israelí Shlomo Ben Ami e a experta en IA Macarena Estévez falarán, nas Xornadas Tecnolóxicas R, do rol humano na era tecnolóxica

Especialmente dirixido a empresas galegas, o evento xirará arredor desta conxuntura singular onde as persoas somos protagonistas e testemuñas da maior revolución tecnolóxica da Historia. Temos ao alcance da man as novas tecnoloxías e as ferramentas máis avanzadas e, ademais, entramos nunha etapa de reflexión e análise para tomar decisións de maneira diferente a como o faciamos ata o momento.
Ben Ami e o protagonismo radical da guerra tecnolóxica
O diplomático, ex ministro de Asuntos Exteriores de Israel e historiador Shlomo Ben Ami, compartirá co auditorio a súa visión dos novos tempos, de “saltos exponenciais, revolucionarios, que representan grandes promesas para a Humanidade e ao tempo grandes ameazas (…) Segundo o diplomático israelí “a guerra da Intelixencia artificial é particularmente perigosa pola simple razón de que non se inventou aínda a diplomacia para a era tecnolóxica”.
“Desorde xeopolítica e cambios tecnolóxicos, como lle afectan ao panorama mundial?” é o título do relatorio de Shlomo, que repasa e interpreta o escenario xeopolítico global para describir como cambiou a carreira entre as grandes potencias coa perda da hexemonía estadounidense e a erosión da globalización. A crise financeira de 2008, os conflitos dos Estados Unidos en Oriente Próximo, a pandemia e a guerra de Ucraína marcaron este cambio de signo cara á multipolaridade e están a deixar unha pegada profunda tanto no balance de poder global como na economía.
Ben Ami detallará, así mesmo, como as guerras comercial e tecnolóxica entre Estados Unidos e China están a marcar a orde xeopolítica mundial, o económico e o propio destino da Humanidade. A diferenza co pasado recente está en que a carreira nuclear ofrecía seguridade e estabilidade, mesmo acordos de redución de armas. Mais non existe tal diplomacia na era tecnolóxica, por iso pode resultar, nestes momentos, máis perigosa, se cabe.
A importancia de visualizar o futuro
Ao longo do seu relatorio “Máquinas amigas”, Macarena Estévez, socia emérita en Deloitte e experta en IA e Analítica de Datos, explicará o seu concepto do futuro como “misterio que nos depara sorpresas e preguntas: de que xeito o visualiza quen aínda non naceu? É importante mirar cara ao futuro cos ollos das xeracións vindeiras e descubrir como isto pode influír nas nosas decisións presentes. Estar ao día nas tendencias e poder anticiparse será unha das claves para liderar o novo ecosistema empresarial cara ao que nos diriximos”.
Neste sentido, e ao fío das tendencias en IA e o seu impacto nas empresas, Macarena debullará de que maneira nos achegamos a unha ‘singularidade tecnolóxica’ nun mundo dixitalizado a gran velocidade. As empresas transfórmanse, adáptanse, e a Intelixencia Artificial emerxe como puntal para automatizar procesos.
Blockchain, 5G e revolución tecnolóxica
Alfredo Ramos, director de R, presentará o programa das Xornadas Tecnolóxicas R 2023, que se vai completar, por unha banda, co caso de éxito da empresa Gestamp, cuxo responsable de “industria intelixente” (Virtual Factory), Jorge Vázquez, exporá as peculiaridades da aplicación da tecnoloxía 5G na súa compañía e, por outro, coa charla do director de Distribución de Plexus Tech, Ramón Bueno, sobre “Blockchain: disrupción e innovación ao servizo das persoas”.
Finalmente, na mesa profesional “A revolución tecnolóxica, está a túa empresa preparada?” intervirán de novo Shlomo Ben Ami e Macarena Estévez xunto a José Penas, director comercial de R e outra vez Ramón Bueno e Jorge Vázquez. Poranse sobre a mesa cuestións como as posibles estratexias ante o contexto económico actual e as tensións xeopolíticas; tendencias tecnolóxicas emerxentes máis influentes e a súa repercusión no mercado; perspectivas e principais retos da IA a medio e longo prazo e ciberseguridade ou sostibilidade das empresas, entre outros temas de actualidade esenciais para comprender a contorna en que nos movemos e anticipar no posible como afrontar o futuro a nivel social, económico e tecnolóxico.
R