Lugo disfruta entre o 21 e o 27 de setembro da XXV Semana de Cine de Autor

A Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo cumpre as súas vodas de prata cun sobreesforzo organizador por parte do Grupo Fonmiñá que procurou unha semana da mellor calidade posible con 36.000 euros de presuposto. Entre o 21 e o 27 de setembro, os lucenses poden disfrutar de preto de 40 proxeccións distribuidas en seis seccións: a infantil e a oficial -xa tradicionais nesta mostra- complétanse cun ciclo de cine documental (na xornada do domingo 21), co mellor do ano 2002 e con dous especiais -un de longametraxes e outro de curtas- adicados ó actor lucense Luis Tosar que acadou gran proxección nacional e internacional a través das súas últimas intervencións en filmes como Los lunes al sol, de Fernando León de Aranoa.
O auditorio municipal Gustavo Freire e o salón da Fundación Caixa Galicia acollen as proxeccións entre as que cómpre destaca-las longametraxes El efecto Iguazú, Bloddy sunday e Bowling fon Columbine que integran a programación do ciclo documental, así como Felices dieciséis, Las hermanas de la Magdalena, The good girl, 8 mujeres, Agua tibia bajo un puente rojo e Ciudad de Dios, do ciclo Lo mejor de 2002.

Na sección oficial compiten polo favor do público filmes como La luz prodigiosa, Los diablos, Las mujeres de verdad tienen curvas, Un hombre sin pasado, Marie-Jo y sus dos amores, e La pizarra; en tanto que os máis pequenos poderán disfrutar na sesión das 18:00 horas de películas como Doraemon y los piratas de los mares del sur, Dragón Hill, El pudding mágico, Marco: no te vayas mamá, Érase una vez... ou El viaje de Chihiro.
Pero, sen dúbida, un dos principais protagonistas desta semana de cine é o actor de Lugo Luis Tosar, ó que se pode ver en longametraxes como Flores de otro mundo, Celos, Sé quien eres, Besos para todos ou a xa mencionada Los lunes al sol; pero tamén nun ciclo de curtametraxes como O Matachín (do director tamén lucense Jorge Coira), Amor serrano, O río ten mans, Gran liquidación, Alzheimer, Sandra, El origen del problema e Un asunto pendiente.
A XXV Semana de Cine inaugúrase oficialmente o luns, 22 de setembro ás 23:00 da noite, coa entrega do premio ó gañador do concurso de carteis convocado polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá para a promoción do evento -e que este ano recaeu en Pepe Fernández & Asociados- e a apertura no auditorio municipal Gustavo Freire dunha exposición sobre os 25 anos de historia da Semana.
Para máis información: consulta-lo especial sobre a XXV Semana Internacional de Cine de Autor a través da páxina principal de www.galiciadigital.com (contén ficha técnica de cada filme, seccións, etc.).
Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá