Unha exposición explora o uso de material de refugallo na creación artística

Valéndose de múltiples obxectos, desde restos de equipos informáticos a anacos dun aspirador, Fuertes presenta nesta mostra un conxunto de obras coas que busca “un aspecto pictórico, pero tamén unha tridimensionalidade escultórica”, explica. “Interésame que sexan obxectos recoñecibles, pero que o seu conxunto sexa como abstracto”, engade o artista e investigador, quen destaca tamén o interese de que unha exposición que parte do “reemprego de material de refugallo” teña como escenario un espazo ao que se deron novos usos despois de que os procesos para a adxudicación do servizo de cafetaría quedasen desertos. Restos dunha persiana e unha serie anacos dunha estrada levantada recentemente na cidade serviron por outra banda a Catalán para dar forma a unhas instalacións que teñen tamén como punto de partida, recoñece, a pintura. Isto faise patente tanto polos “trazos” que parecen representar os diferentes anacos da persiana como pola “representación dunha pintura universal” trazada cos anacos de pavimento, en obras que, recoñece, forman parte de “procesos abertos de creación”, de tal xeito que en lugar dun resultado final, móstranse “como unha posibilidade entre moitas”, salienta.
Universidade de Vigo