Regresa o Ciclo de Cine e Lingua da UVigo cunha edición centrada en películas dirixidas por mulleres

A entrada é de balde ata completar a capacidade da sala.
Cinco tardes de cine en versión orixinal
A primeira proxección, o vindeiro martes día 14, terá como protagonista a cinta de cine negro de 1953 de Ida Lupino, The Hitch-Hiker –a única película de noir clásico dirixido por unha muller–. O 21 proxectarase First Cow, dirixida en 2019 por Kelly Reichardt que narra a historia dun cociñeiro que viaxa ao Oeste para uniuse a un grupo de cazadores de peles en Oregón, onde só atopa unha verdadeira conexión cun inmigrante chinés que tamén busca a súa fortuna. O día 28 será a quenda de Ala & Alvi, dirixida por Cilio Barnard en 2021, unha oda á beleza das vidas desordeadas e imperfectas e á súa capacidade para converxer en momentos improbablemente perfectos.
Xa no mes de decembro, o día 5 o público poderá asistir á proxección de The miseducation of Cameron Post, cinta dirixida pola directora iraní-estadounidense Desiree Akhavan que rastrexa as dúbidas e os desafíos dunha adolescente enviada a un centro de conversión homosexual na Montana dos anos 90. O ciclo pecharase o 12 de decembro con Farewell to Europe, de Maria Schrader, cinta que narra os anos de exilio na vida do famoso escritor xudeu austríaco Stefan Zweig, a súa loita interior pola "actitude correcta" ante os acontecementos da Europa devastada pola guerra e a súa busca dun novo fogar.
Universidade de Vigo