O estudo premiado co Valentín Paz Andrade evidencia como a COVID-19 incrementou a desigualdade en Galicia

Logo da lectura da acta do xurado por parte de María Dolores Riveiro García, directora do IDEGA, José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira recolleron o galardón reivindicando “políticas sociais que axuden a recuperar o benestar”. O traballo premiado na modalidade dirixida a traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, ten como obxectivo identificar, medir e describir os cambios nas desigualdades de renda en Galicia despois da pandemia por mor da COVID-19. Para isto, calcularon diferentes indicadores de desigualdade de renda que permiten analizar a súa evolución antes e despois da pandemia (2014-2020), considerando as diferentes fontes de ingreso. José Manuel Amoedo lembrou como o influxo da COVID-19 se cebou moi especialmente en Galicia coas persoas menores de 35 anos. Pola súa parte, Sánchez-Carreira puxo o foco en como “unha boa análise é a mellor base para políticas públicas máis efectivas”, ademais de lembrar como o estudo evidencia a “brecha xeracional” que existe en Galicia neste ámbito.
O xurado motivou as súas decisións, tomadas por unanimidade, “na calidade científica dos traballos, na actualidade e relevancia da temática que abordan e na contribución dos resultados á mellor toma de decisións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia”. Ademais de Antonio López, integraron o xurado María Dolores Riveiro García do IDEGA, Manuel Pérez, presidente do CES; Manuel Martínez, secretario do CES; Fernando González Laxe da UDC e Xosé Henrique Vázquez Vicente da UVigo. José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira pertencen á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.
Os principais resultados do estudo poden sintetizarse en tres aspectos. Primeiro, a pandemia implica un incremento das desigualdades de renda en Galicia en 2020. Ademais, “aumentaron as desigualdades segundo o sexo, a nacionalidade, a idade e o nivel de estudos dos compoñentes do fogar, así como as desigualdades territoriais”, explican Amoedo e Sánchez-Carreira. Finalmente, as prestacións sociais desempeñaron un papel relevante á hora de suavizar o efecto da pandemia nas desigualdades. “Cómpre sinalar que este efecto é asimétrico, levando a que os fogares compostos por persoas máis novas se visen claramente menos protexidos que os de maior idade”, matizan.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)