O día 2 de febreiro celebrarase unha nova edición do foro Expouniversitas

Diversidade de propostas
Este ano, a actividade, de balde, volve estar aberta á presentación de traballos realizados por alumnado e persoal docente e investigador das diferentes titulacións e campus da Universidade de Vigo no marco de materias de grao, posgrao e doutoramento e de traballos fin de grao ou mestrado. O día 2, as e os inscritos exporán, de xeito individual ou en grupo e durante un tempo limitado os seus traballos, en horario de 16.00 a 18.00 h. Co prazo para a presentación de propostas aínda aberto, desde a organización da actividade contan con repetir a cifra das anteriores edicións, situada en arredor de 40 traballos presentados. Deles destacan a súa diversidade, abranguendo desde temáticas do eido educativo ata o tecnolóxico.
Entre os beneficios de participar nesta actividade, desde a súa organización salientan a importancia de valorizar o traballo académico e investigador que se fai na institución académica, que o alumnado adestre as súas capacidades de exposición en público e que o profesorado coñeza experiencias educativas interesantes levadas a cabo por outros compañeiros e compañeiras. Neste senso, destacan o retorno positivo que ten para as persoas asistentes tanto o feito de participar presentando traballos como coñecendo o traballo que fan outros membros da comunidade universitaria.
Universidade de Vigo