Skip to main content

A Casa das Artes acolle a exposición de arte sacra “Vigo. Tradición e fe” dende o 21 de abril ata o 6 de xuño

No marco da programación de exposións temporais que se desenvolve na Casa das Artes o vindeiro xoves, 21 de abril, inaugurase a exposición sobre arte sacra “Vigo. Tradición e fe”, que mostra o patrimonio cultural e relixioso de Vigo a través da visualización das manifestacións artísticas presentes en procesións, romarías e outras expresións públicas da fé católica.
A exposición, promovida pola Concellería de Asuntos Sociais, destaca ademáis a orixe antropolóxica, relixiosa e histórica das obras de arte, permitindo unha nova ollada á tradición artística viguesa, pero sen renunciar a súa revisión dentro do contexto da sociedade contemporánea.
Na presentación da mostra, que tivo lugar esta mañá, participaron o concelleiro de Asuntos Sociais, Ignacio López-Chaves Castro e O director do Museo Diocesano de Tui-Vigo e comisario da exposición, Jesús Casás.
Segundo Ignacio López-Chaves, este evento "quizá sexa a máis importante mostra de arte sacra que se ten feito na nosa cidade”.
A exposición abrangue diversos aspectos da fe, dende a procesión eucarística ata o culto aos mortos, pasando pola expresión da paixón e das confrarías e as procesións da cidade e nela se mostran diferentes obxetos de arte sacra, como pintura, escultura, ourivería e ornamentos, así como fotografías relativas ao culto relixioso na cidade.
En canto á Eucaristía, compre ter en conta que é o sacramento central da relixión cristiá e todos os ritos litúrxicos xiran entorno ó Misterio Pascual. O fervor popular celebra a presencia eucarística de Cristo, o Corpus Christi, con himnos, cánticos e procesións. As custodias, o palio, o incenso, recordan a solemnidade coa que o pobo honra ó Santísimo Sacramento do altar.
Pola súa banda, as Confrarías de tradición relixiosa promoveron o culto ás imaxes. Resaltan, sobre todo, as representacións da paixón e morte de Cristo coas que se celebra a Semana Santa nas rúas e prazas dos pobos. Os “pasos” procesionais coas imaxes de Cristo Crucificado, Nosa Señora dos Dolores, e demais escenas da paixón, deron vida ó misterio da redención.
Ademáis, na exposición móstrase como a Igrexa propón o culto ós Santos, pola súa vida exemplar e a súa intercesión protectora e a devoción popular elixe como intermediarios a aqueles que aparecen más achegados á vida cotiá. Nas parroquias de Vigo réndese culto a determinadas imaxes profundamente arraigadas na tradición dos fieis. As súas procesións e ofrendas manifestan a devoción coa que invocan o seu auxilio ou agradecen os beneficios recibidos.
Pero a devoción non só atañe a determinadas imaxes arraigadas. A devoción ás Benditas Ánimas do Purgatorio adquiriu profundas raíces entre as tradicións populares de Galicia e nas parroquias de Vigo, rara é a igrexa que non ten un altar dedicado ás Ánimas. A súa devoción maniféstase tamén nas rúas e camiños en forma de cruceiros e petos, para testificar a preocupación por el más aló. En moitas parroquias fundáronse confrarías chamadas da misericordia co fin de ofrecer sufraxios en favor dos confrades defuntos e polas Ánimas en xeneral.
Relacionado con esta devoción atópase, finalmente, o culto ós mortos, respecto ao cal o respecto e decoro dos cemiterios é unha mostra da consideración ós familiares falecidos. Pola súa banda, a Igrexa ensina que os fieis defuntos poden beneficiarse dos sufraxios ofrecidos por los vivos coa esperanza nunha salvación definitiva.
Pola súa banda, o comisario da exposición, Jesús Casás, afirmou que este proxecto servirá para "recoñecer as raíces cristiás da nosa civilización" e lembrou que as obras que forman parte da exposición teñen dúas vertentes, xa que ademais de seren obras de arte constitúen "testemuños de sacralidade", algo que en opinión de Jesús Casás supón "unha plusvalía".
A mostra pode visitarse de luns a venres de 18.00 a 21.30 horas, os sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.30 horas e os domingos e festivos de 11.00 a 14.00 horas.
Pilar Martínez,
Departamento de Cultura
Concello de Vigo