Skip to main content

Nace o "Portal da Investigación da Universidade da Coruña", un novo sitio web que reúne a produción científica do seu persoal investigador

Actualmente, o portal recolle a totalidade do persoal docente e investigador activo da UDC e aliméntase coas publicacións existentes en Dialnet, Scopus e Web of Science (WoS). A actualización da información realizarase de forma automática periodicamente, permitindo acceder aos datos máis recentes de forma sinxela.

As buscas poden filtrarse por centro, grupo ou investigador ou investigadora individual, o que facilita ao usuario explorar na estrutura universitaria, localizar persoas expertas en diversas disciplinas, acceder ás súas publicacións e consultar indicadores bibliométricos a nivel individual, colectivo e institucional.

O "Portal da Investigación da UDC" é de libre acceso para o público en xeral, pero para visualizar algúns dos indicadores e dispoñer doutras opcións, como o acceso aos textos completos dos documentos, cómpre ser membro da comunidade universitaria. O único requisito, neste caso, será identificarse co usuario e contrasinal se se quere ter opción tamén a estes recursos.

Ademais, aos investigadores e investigadoras permitiralles descargar o seus currículos e informes co impacto normalizado das súas publicacións, así como xestionar os seus perfís de investigadores/as.

A orixe do portal

O proxecto deste novo portal da investigación nace da colaboración entre o Servizo de Biblioteca, o Servizo de Informática e Comunicación e o Servizo de Investigación da UDC e conta cunha axuda María de Guzmán da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

Malia a posta en marcha desta ferramenta, de momento continuará tamén en funcionamento a do Sistema Unificado de Xestión da Investigación (SUXI), que se viña utilizando pola UDC como única alternativa para a xestión dos méritos de investigación, e á que finalmente acabará por substituír nun futuro próximo.

Máis información: https://portalinvestigacion.udc.gal
Universidade da Coruña (UDC)