Skip to main content

Especialistas mundiais en psicoloxía investigativa e perfilación criminal reúnense nun congreso en Santiago

A inauguración será este mércores ás 9.00 horas no Salón de Actos, coa presenza dos profesores David Walsh e mais David Canter. Nestas primeiras sesións, Walsh falará da entrevista de investigación e Canter referirase a como se elabora un perfil xeográfico e como se desenvolve a análise espacial. A inauguración oficial será ás 15.00 horas coa presenza de Donna Youngs, John Synnott e Paulo Barbora Marques, que estarán acompañados polo profesor de Dereito Penal e Criminoloxía da USC Gumersindo Guinarte, en representación do Instituto de Criminoloxía da Universidade compostelá.

A aplicación de novas tecnoloxías na investigación psicolóxica aplicada á loita contra o crime e o cibercrime e a actualización de métodos de investigación son algúns dos eixos deste encontro internacional no que se ofrecen conferencias plenarias, sesións de posters e sesións de traballo ao longo de tres días, nos que se presentarán novidades na abordaxe da violencia doméstica, a avaliación psicolóxica forense, a ciberviolencia e o ciberacoso ou os timos coñecidos como phishing, para ofrecer a mellor atención psicolóxica posible ás vítimas.

O venres terá lugar a partir das 13.30 horas a clausura oficial da Conferencia, pero entre as 14.00 e as 18.00 horas haberá aínda sesións prácticas. A primeira delas a cargo do profesor da Facultade de Psicoloxía compostelá Ramón Arce, que analizará a avaliación do dano psicolóxico aplicando técnicas forenses; Jodi Quas amosará as mellores prácticas nos interrogatorios a vítimas e testemuñas adolescentes e a última sesión estudará a violencia de xénero facilitada pola tecnoloxía, analizando o perfil de vítimas, a autoría e o feito criminal, a cargo de María José Garrido, Lidia Alonso Corona, Neus Mascaró Coll e Laura Sánchez Morón, da Secretaría de Estado de Seguridade.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)