Skip to main content

A Conferencia Internacional de Decrecemento reunirá en Pontevedra a máis de 1200 participantes en 200 sesións académicas

“A convocatoria foi un éxito rotundo”, sinalou o director deste grupo de investigación, Mario Pansera, na presentación da programación dun evento que “porá Galicia, Pontevedra e a Universidade no mapa da transición ecolóxica”, ao congregar na cidade “a elite” da investigación sobre o cambio climático, a transición ecolóxica e a sostibilidade económica e social.

Xunto a Pansera, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentaron este mércores un foro internacional que por segunda vez engloba a celebración conxunta das dúas conferencias, sendo unha das edicións “con maior participación”, segundo sinalan desde a organización. De aí que Lantarón puxese o foco na “magnitude” dun congreso que se desenvolverá en diferentes espazos do campus e da cidade e que pon o foco nun tema “fundamental para a Universidade, como é a sostibilidade”. Nese senso, a vicerreitora destacou tamén a importancia de que o coñecemento xerado neste foro académico poida ter “unha transferencia á sociedade” e que do congreso poidan saír “documentos de consenso que poidan ser logo a base de normativas e políticas públicas que poidan mellorar a calidade de vida das persoas”. Nesa mesma liña, Fernández Lores resaltou o valor de contar na co Post-Growth Innovation Lab, un grupo de investigación que “posicionanos internacionalmente”, así como a propia relevancia desta conferencia, tanto porque pon o foco en cuestións que “están na vangarda mundial”, como polo “impacto económico” que poida ter na cidade.

Promovido por este grupo de investigación, xunto coa ESEE, o movemento Degrowth International e a asociación Research and Degrowth, a conferencia conta co apoio de Universidade, Concello, Consello Europeo de Investigación (ERC) e Consello Social da UVigo.

Sete diálogos plenarios e 200 sesións paralelas

Dirixido, como explicou Pansera, a que investigadores e investigadoras de diferentes países poidan “intercambiar ideas” e presentar os seus traballos, o congreso inaugurase na tarde do martes no Pazo da Cultura, onde terá lugar un concerto do pianista Abe Rábade, con entrada libre. Xusto antes, desenvolveranse as dúas primeiras sesións plenarias do congreso, que se articulan nun formato de diálogo e nas que participarán “nomes destacados no campo da economía ecolóxica e o decrecemento”, procedentes de diferentes universidades de Europa ou América. Retransmitidas en directo, as dúas primeiras sesións afondarán no papel da ciencia e a tecnoloxía no contexto do dececremento e na economía ecolóxica.

Ao día seguinte, estes diálogos trasladaranse á carpa da conferencia, que se emprazará a carón de Fisioterapia, pondo o foco o mércores na industria do plástico, para analizar o xoves as iniciativas promovidas pola Unión Europea en materia de economía circular, nunha sesión na que participará Hans-Christian Eberl, representante da Comisión Europea e responsable de economía circular no programa Horizon Europe, xunto con Kersty Hobson, da Univesidade de Cardiff, e Andrea Genovese, da Sheffield University. Tamén o xoves, terá lugar un coloquio sobre a democratización da tecnoloxía, mentres que o venres 21 desenvolverase unha sesión dirixida a presentar visións alternativas da idea de innovación, pechándose esta programación cun coloquio sobre decrecemento e cambio climático. Este contará coa participación do director do servizo climático do programa europeo Copernicus, Carlo Buontempo, xunto con Pansera e a investigadora da Universidade de Lausanne Julia Steinberger.

O programa académico complétase coas preto de 200 sesións que se desenvolverán de xeito paralelo en diferentes espazos do campus e no Pazo da Cultura entre mércores e venres. Aos debates e presentacións de investigacións sumaranse ademais as iniciativas do Espazo Xove, destinado a promover a participación do alumnado de secundaria. Con preto de 170 inscritos e inscritas, esta iniciativa permitirá coñecer os resultados do proxecto de Postgrowth S.A., financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Como apuntou Pansera, será “a primeira vez na historia destas conferencias” que estudantes de secundaria, procedentes de cinco institutos da cidade, participen neste foro dando a coñecer os resultados dos estudos que realizaron “sobre os problemas que afectarían a Pontevedra” no futuro.

Actividades para toda a cidadanía

Co obxectivo, sinalou Pansera, “de conectar todos os discursos académicos da conferencia coa cidadanía”, a programación complétase cun programa social que se desenvolverá polas tardes e que engloba máis dunha vintena de actividades, “como documentais, exposicións, presentación de libros ou charlas”. Nesta programación insírense propostas como a proxección do documental Alter Nativas, o mércores 19 no Teatro Principal, ou a mesa que reunirá o xoves 20 representantes políticos e sindicais no Museo de Pontevedra. Nesa xornada terá lugar tamén un “protestival” na alameda, na que participarán “as asociacións ecoloxistas máis importantes de España” e no que se dará lectura a un manifesto. Tamén no marco desta programación, a conferencia clausurarase na tarde do venres cun faladoiro sobre decrecemento no campus no que participarán os divulgadores científicos Antonio Turiel, Alicia Valero e Jaume Franquesa, seguido dunha serie de actuacións musicais de grupos coordinados por Estudo Bonobo e de Familia Caamagno.

Previamente, neste obxectivo de achegar á cidadanía as temáticas da conferencia inseriuse tamén a Primavera do Decrecemento, un ciclo de faladoiros que se clausura este xoves 13 no Museo cun coloquio no que participan representantes de Greenpeace España, Ecoloxistas en Acción, Xuventude polo Clima, Rebelión Científica e Rebelión ou Extinción.

Simposio de investigadores predoutorais

Xunto co inicio deste programa social, o arranque da conferencia verase precedido o luns 17 por un simposio no que 40 investigadores e investigadoras predoutorais, procedentes de 31 universidades de diferentes países, formaranse en aspectos como a publicación de investigacións críticas ou o uso de metodoloxías baseadas nas artes.
Universidade de Vigo (UVigo)