O corpus de documentos latinos da Gallaecia CODOLGA enriquécese coa incorporación de 640 novos textos

Nesta ocasión a base de datos incrementou os seus fondos dedicando unha atención especial á edición de documentos do mosteiro de Santa María de Sobrado realizada por María Pardo Ferrín, que achega lecturas para os documentos recollidos nos dous cartularios de Sobrado e que é a única edición existente para numerosos documentos dese mosteiro conservados en pergameos soltos no Arquivo Histórico Nacional de Madrid ou no Arquivo do Reino de Galicia de A Coruña. Así mesmo incorporáronse documentos conservados nos minutarios notariais de Estevo Pérez do Arquivo da Catedral de Ourense.
O apartado de Fontes e estudos, dedicado a recompilar outros textos latinos medievais importantes pola súa relación coa Galicia medieval ou algúns estudos significativos do ámbito do proxecto, foi este ano enriquecido coa singular Crónica do bispo Paio de Oviedo.
O proxecto CODOLGA forma parte da rede colaborativa que engloba os distintos proxectos da Península Ibérica dedicados a traballar cos textos documentais medievais en lingua latina dos respectivos territorios. Esa rede ten por nome Corpus Documentale Latinum Hispaniarum (CODOLHISP) e está recoñecida polo Ministerio de Ciencia e Innovación como rede de investigación de excelencia. Un froito dese traballo colaborativo é outro recurso que permite consultas e buscas combinadas nos respectivos corpora documentalia.
Ademais, este ano o proxecto CODOLGA puxo tamén en acceso aberto a primeira versión do novo recurso Fontes Textuais da Galicia Medieval, FONTEGAM. Este novo recurso é o resultado da coordinación e colaboración entre CODOLGA e o proxecto Corpus Galego-Portugués Antigo (CGPA), dirixido polo profesor de Filoloxía Galega da USC Xavier Varela Barreiro no Instituto da Lingua Galega. O obxectivo é ofrecer unha ferramenta que permite a busca conxunta e combinada de información nos respectivos textos latinos e textos romances sobre calquera momento e lugar de Galicia na Idade Media.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)