A APG inicia un proxecto de investigación para elaborar un diagnóstico sobre a profesión xornalística en galicia
O estudo basearase nos datos obtidos dunha ampla e profusa enquisa previa que se realizará entre os profesionais, baixo a dirección do catedrático de Xornalismo da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC Xosé López García. Coordinado polo directivo da APG, Virglio Costas, os resultados e conclusións do informe daranse a coñecer na presentación do próximo número da revista Comunica que edita a APG, que contará coa presenza de destacados expertos no eido da comunicación.A presidenta da APG, María Méndez, pide a tódolos colegas dos distintos eidos da comunicación a súa implicación nesta enquisa, lembrando que os datos que se extraian dela trataranse en todo momento de forma anonimizada e coa única e exclusiva finalidade de elaborar o estudo de investigación. “Este ambicioso proxecto”, afirma, “axudaranos a entender o que sucede no noso sector, a facer visible a súa coxuntura, a comprender as situacións laboráis e profesionais diversas que existen e a coñecer tamén as nosas propias expectativas”.
A APG é unha asociación sen ánimo de lucro, que ten entre os seus obxectivos fundamentais reflexionar sobre os retos, desafíos e inquedanzas dos profesionais da información e da comunicación. O Informe que agora pon en marcha, conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e do Banco Sabadell.
Asociación de Periodistas de Galicia






