Skip to main content

A esixencia da verdade é un deber ético de todos

O dereito a dar e recibir información veraz, libre e plural é indispensable para que un ser humano teña a condición de cidadán libre. Sen ese dereito, nunca nos poderemos desprender da miseria, da ignorancia, do medo e do dogmatismo, e, por tanto, careceremos da capacidade para convencérmonos con razóns.

Pero este dereito, coma moitos outros, sempre foi combatido polos que temen perder poder e previlexios. Para que a dignificación do ser humano non retroceda e siga avanzando, é imprescindible que os cidadáns lles esixamos ós dirixentes políticos que actuen conforme ós principios éticos da democracia; isto significa tamén verdadeira transparencia informativa na actuación do poder.

En Galicia a liberdade de prensa e o dereito á información necesitan dunha posta ó dia. É necesario que os profesionais renovemos o compromiso cos valores de busca da verdade que deben enmarcar o exercizo do xornalismo. É indispensable igualmente establecer límites e reglas de xogo claras nas relacións entre o poder político e os medios de comunicación. Porque, se non é así, os obxectivos dos medios –sexan públicos ou privados- acaban sendo os do partido que goberna: que esa formación se manteña no poder. É inaprazable tamén que os medios de comunicación públicos deixen de estar sometidos ó partido ou partidos que en cada momento gobernen e realicen realmente unha función de servizo público para o país.

Nunha democracia, a liberdade de prensa e o dereito á información teñen que se-la outra cara do dereito ó sufraxio; un non existe sen o outro e ámbolos dous deben ser universais e inherentes á condición de cidadáns libres. Neste día Mundial da Liberdade de Prensa, non é léxitimo que ós cidadáns se nos prive de debates entre os candidatos dos principais partidos que concorren ás eleccións autonómicas, debates que se deben producir nos medios de titularidade publica, pois esa é parte esencial da súa función de servizo público.

É tamén fundamental acabar coa precariedade laboral que sofren moitos profesionais, porque a precariedade do xornalista é terreo abonado para a desinformación.

Nunha verdadeira democracia non se poden obter beneficios comerciando co dereito á información. Todos debemos ser conscientes de que os avances máis significativos na conquista dos dereitos humanos e na consolidación de mecanismos de control democrático producíronse pola presión popular. Por tanto, para conte-la voracidade do poder por controlar a información, é necesario que a esixencia da verdade sexa un deber ético asumido polos profesionais da información e polos cidadáns e colectivos que compartan principios e pautas de conduta democráticas. É necesario que todos sexamos conscientes de que o deterioro do dereito á información conleva aparellada a mutilación doutros dereitos básicos e da nosa condición de cidadáns libres.
Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia