Skip to main content

O xornalista marroquí, Ali Lmrabet, gañador do I Premio José Couso de Liberdade de Prensa

O xornalista marroquí Ali Lmrabet foi proclamado como gañador do I Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova.

No transcurso dunha rolda de prensa na Galería Sargadelos da Cidade Departamental, o Secretario do Premio, Darío Janeiro, deu lectura á Acta na que se sinala que o galardón “constitúe unha chamada de atención, un recordo constante na defensa dun dos dereitos fundamentais dos xornalistas e sobre todo, dos cidadáns; un dereito que habitualmente é vulnerado polas autoridades de medio mundo e que, por desgracia, cóstalle a vida ou a liberdade a centos de xornalistas cada ano”.

O secretario do premio, relatou como o pasado día 23 de abril, nun acto que tivo lugar na sede do CPXG, se procedeu ó reconto dos votos chegados por vía postal e por vía electrónica en presencia do notario D. Héctor Pardo García, do Ilustre Colexio de Notarios de Galicia.

As entidades organizadoras deixaron constancia da súa felicitación ó premiado e pola súa defensa da liberdade de prensa “nun entorno difícil como é actualmente o Reino de Marrocos”. Os convocantes “lembran especialmente a figura do camarógrafo nado en Ferrol, José Couso, que lle da nome a este evento. Os xornalistas galegos síntense identificados coa súa familia”.

O presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, quen exerceu de anfitrión no acto, salientou o proceso de elección do premio cuxa característica principal é que eran os propios xornalistas quenes propoñían e votaban ó gañador do certame. Morales presentoulle á prensa a estatuiña de Manuel Patinha que recibirá Ali lmrabet en vindeiras datas nunha xornada na que tamén se inaugurará unha escultura con motivo da liberdade de prensa nos Cantóns de Molíns de Ferrol.

O representante de Caixanova en Ferrol, Jesús Oroza, na súa intervención amosou a súa tristura polas perdas que se producen entre xornalistas que defenden o dereito á información. Oroza manifestou a satisfacción de Caixanova pola súa implicación no premio e lembrou o mecenazgo da súa Entidade noutros premios xornalísticos en Galicia, como é o caso do Julio Camba.

O Decano do CPXG, Xosé Manuel Vega, que foi o encargado de pechar o acto, deu lectura á Declaracion do CPXG con motivo do 3 de maio. Vega dixo que: “Nunha democracia, a liberdade de prensa e o dereito á información teñen que se-la outra cara do dereito ó sufraxio; un non existe sen o outro e ámbolos dous deben ser universais e inherentes á condición de cidadáns libres. É indispensable igualmente establecer límites e reglas de xogo claras nas relacións entre o poder político e os medios de comunicación. Porque, se non é así, os obxectivos dos medios –sexan públicos ou privados- acaban sendo os do partido que goberna: que esa formación se manteña no poder. É inaprazable tamén que os medios de comunicación públicos deixen de estar sometidos ó partido ou partidos que en cada momento gobernen e realicen realmente unha función de servizo público para o país”.

A Organización púxose en contacto co premiado, quen amosou a súa satisfacción pola decisión do Xornalismo Galego, sinalando que galardóns coma este axúdanlle a manter o ánimo en momentos difíciles como os que vive.

O CPXG e o Club de Prensa de Ferrol organizan para esta tarde ás 20:00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol unha conferencia do xornalista José Ramón Ariño quen falará sobre prensa e poder.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. Caixanova, sensible ó desenvolvemento do exercicio profesional dos xornalistas, ofreceu dende o primeiro momento o seu apoio decidido para materializar a iniciativa.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia