Skip to main content

Núñez Feijoo: o noso único candidato é Manuel Fraga e estamos orgullosos del

O vicepresidente primero da Xunta e número un do PP pola provincia de Pontevedra, Alberto Núñez Feijoo, rexeitou a existencia dun candidato tapado para substituir a Manuel Fraga no medio da vindeira lexislatura se o Partido Popular consegue de novo a maioría absoluta. "O noso único candidato -proclamou- é Manuel Fraga, estamos orgullos del e é o noso único referente". Núñez Feijoo fixo estas declaracións esta mañá nos Almorzos ON/OFF, organizados pola demarcación da Coruña do Colexio de Xornalistas.

O vicepresidente salientou que fronte ás diferencias que existen entre PSdeG e BNG o PP amósase agora unido arredor da figura de Fraga para gañar as eleccións, aínda que admitiu a posibilidade de perder a maioría absoluta. Confía na "intelixencia dos galegos" para evitar un goberno de coalición entre dúas forzas"que non se poñen de acordo nin no nome desta cidade", en alusión á Coruña e á polémica do seu topónimo.

Núñez Feijoo instou ó vicepresidente económico do Goberno central, Pedro Solbes, que visitará Galicia, a asinar un acordo no que o Executivo se comprometa a cumprir os prazos do Plan Galicia a explicitar con datos e documentos as previsións de investimento na comunidade.

O vicepresidente primeiro contestou ademais ó secretario de organización do PSOE, José Blanco, quen augurou que "as mentiras do PP" causarán a perda das eleccións por parte de Manuel Fraga. Para Núñez Feijoo, Blanco considera "mentirosos" ós galegos porque "case toda a sociedade galega ten a seguridade de que o goberno central non está a cumprir os seus compromisos".

Con Nuñez Feijoo continúa o ciclo de “Almorzos ON/OFF” na Coruña, que contará con Anxo Quintana, portavoz nacional do BNG, o vindeiro xoves día 5 no mesmo horario no que se veñen celebrando estes encontros e dentro dos actos organizados con motivo da semana pola liberdade de prensa.

Carlos Varela, Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza, o economista, Guillermo de la Dehesa, Luís García Mañá, Xefe Superior da Policía, o director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet e o secretario de organización e coordinación do PSOE, José Blanco, tamén estiveron presentes nestes actos que conta coa colaboración da Fundación Luis Seoane.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia