Skip to main content

Shin Chan na procura das bólas perdidas foi o filme de animación máis visto este verán

O filme Shin Chan na procura das bólas perdidas, distribuído con todas as cópias en galego tras as negociacións da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) coa distribuidora Luk Internacional, confirmou-se como o filme de animación máis visto este verán. En total, foron 52.000 os galegos e as galegas que acudiron até o momento ás salas de cinema para ver ao pequeno heroi xaponés. Ademais, en contraste cos resultados deste filme no conxunto do Estado, o éxito de Shin Chan no noso idioma é ainda máis impactante, pois un de cada nove cidadáns do Estado que viron o filme de Shin Chan, fixeron-no na versión en galego. Ademais, case tres meses despois de estreado, ainda hai cinco concellos nos que se pode ver o filme de Shin Chan (A Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo, Xinzo).
O presidente da MNL, Carlos Manuel Callón, considera que tal éxito é unha nova constatación de que non hai rexeitamento do público cara aos filmes dobrados para o noso idioma, senón que, como neste caso, a dobraxe para o galego pode ser mesmo un aliciente para comprar a entrada.
Nestes momentos, nas salas de cinema da Galiza tamén hai outro filme de animación dobrado ao galego, froito tamén das negociacións da Mesa con Luk Internacional: trata-se de Doraemon e o império Maia, que esta semana se pode ver na Coruña, en Narón e en Santiago. A Mesa pola Normalización Lingüística fai un chamamento a apoiar o xesto da distribuidora de dobrar ao galego levando aos máis pequenos e pequenas a ver este filme.
A Mesa pola Normalización Lingüística