Skip to main content

A Xunta e a CRTVG colaborarán na mellora do tratamento da imaxe das mulleres na sociedade

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, a través do Servizo Galego de Igualdade, e a Compañía de Radio Televisión Galega (CRTVG) colaborarán na promoción e mellora do tratamento da imaxe das mulleres na sociedade, segundo reflicte o convenio asinado entre os responsables de ámbalas dúas entidades, Pilar Rojo e Francisco Campos, respectivamente.

O acordo enmárcase dentro dos obxectivos IV Plan de Oportunidades das Mulleres Galegas que, entre outros aspectos, establece a necesidade de conseguir que as mulleres dispoñan da información suficiente sobre os dereitos e recursos existentes, sensibilizar á poboación sobre a desigualdade que sofre o colectivo feminino e fomentar unha imaxe axeitada á súa realidade nos medios de comunicación social.

Neste senso, desde a Administración galega considérase necesaria a participación e colaboración dos medios de comunicación para superar os estereotipos de xénero e potenciar o desenvolvemento harmónico das mulleres.

Segundo a sinatura de hoxe, Xunta e CRTVG comprometéronse a promover a emisión de programas tendentes a erradicar todas as formas de violencia de xénero e a colaborar na difusión de campañas de sensibilización neste eido.

Ademais, desde a CRTVG, e sen prexuizo das normas que rexen a súa actividade, asúmense os principios recollidos no Décalogo de Tratamento da Información Sobre a Violencia de Xénero elaborado polo Servizo Galego de Igualdade. O décalogo foi presentado a finais do ano pasado pola titular autonómica da Muller aos responsables dos medios de comunicación galegos e recolle como pautas para o tratamento da violencia de xénero os seguintes puntos:

1. Situar a violencia de xénero no marco da violación dos dereitos humanos e o ataque contra a libertade e dignidade das persoas
2. Contextualizar o delicto e aportar datos sobre recursos e servizos destinados a atender ás víctimas
3. Respetar o dereito á intimidade
4. Non emitir nin publicar imaxes ou textos de carácter vexatorio para a vítima
5. Evitar aportacións non relevantes
6. Eludir circunstancias sociais e persoais
7. Evitar a localización do caso ou calquera referencia que permita o recoñecemento da vivenda ou contorno da vítima
8. Non influir na investigación
9. Rexeitar a explotación comercial do suceso
10. Loitar contra a explotación sexual e o tráfico de persoas

Desde o SGI potenciarase a actuación da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista como ente observador da publicidade. Tamén se comprometeu a elaborar material de orientación e de apoio dirixido aos medios de comunicación para o tratamento de igualdade de oportunidades e a impulsar a presenza e participación de mulleres expertas en programas de radio e televisión nos que se debata sobre temas que contribúan a un cambio de mentalidade sobre o papel das mulleres e dos homes na sociedade.

Neste senso fomentará a utilización e uso do ficheiro automatizado de mulleres expertas de Galicia, que recolle máis de 2.000 nomes de especialistas en diferentes eidos, co obxectivo de conseguir unha maior visualización da actividade real e diversificada do colectivo feminino na sociedade.


SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia