Skip to main content

O futuro do transporte marítimo continental centra a primeira páxina do Boletín Galicia Europa

O Boletín Galicia Europa, publicación editada pola Fundación do mesmo nome, analiza na sección Primeira páxina do seu último número, correspondente ao mes de maio, o futuro do transporte marítimo europeo e as súas imbricacións con Galicia, abordando as novas oportunidades con que pode contar a Comunidade Autónoma neste ámbito ao abeiro do denominado Programa Marco Polo II. A finalidade da primeira edición deste programa era transferir o incremento medio anual do transporte internacional de mercadorías por estrada cara a outras modalidades de transporte como o marítimo de curta distancia, a navegación por augas interiores ou o ferrocarril. Para o período 2007-2013, preténdese consolidar esta iniciativa e subvencionar proxectos que transfiran unha cantidade de mercadorías do transporte por estrada a outros medios de transporte.

Precisamente, España é un dos principais obxectivos que a Unión Europea fixa para o establecemento de liñas regulares de transporte marítimo de curta distancia. Segundo sinala o boletín, os portos galegos “deben preparase” para servir de base a liñas de curta distancia optando por novas vías de xestión portuaria alleas ao modelo de xestión tradicional e achegándose a un sistema máis moderno baseado no intercambio bidireccional de produtos. A construción dos portos exteriores da Coruña e Ferrol permitirá que estas dúas terminais dispoñan de modernas superficies para o tratamento dos seus tráficos portuarios promovendo, tamén, as liñas de curta distancia. Pero non por isto, segundo sinala o artigo do Boletín Galicia Europa, os portos galegos van deixar de proxectarse internacionalmente. Ao contrario, o nacemento das denominadas autopistas do mar incidirá na posición de privilexio dos portos galegos con respecto a Europa e América, o que favorecerá o crecemento do tecido industrial da Comunidade Autónoma e a consecución dunha maior afluencia de mercadorías por vía marítima entre Galicia e estes continentes.

OUTROS ASUNTOS

Ademais de analizar o futuro do transporte marítimo europeo, o último número do Boletín Galicia Europa aborda, entre outros asuntos, as perspectivas financeiras da PAC; o financiamento da Rede Natura 2000; ou a simplificación do sistema de recoñecemento de cualificacións profesionais entre países da UE. A estrutura do boletín adoita ser sempre a mesma e, consta, primeiramente dunha sección denominada Primeira páxina, que funciona a modo de editorial da publicación. A continuación, inclúense os diferentes asuntos de actualidade europea baixo diferentes áreas temáticas, de acordo ás distintas competencias da UE. Así, é frecuente atopar no boletín informacións sobre resolucións ou acordos promovidos por diferentes organismos comunitarios en relación a asuntos que teñen que ver coa Agricultura, Asuntos Económicos e Monetarios, o Mercado Interior, Educación, Cultura, Xuventude, Sociedade da Información ou Xustiza e Interior, entre outros. Ademais, sempre se analizan as repercusións que poden ter para Galicia as diferentes resolucións que se adopten nestes eidos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia