Skip to main content

Comeza o curso de Iniciación á Dirección que organiza o Consorcio Audiovisual de Galicia en colaboración coa Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid (ECAM)

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid (ECAM) inician o martes día 12, o curso de Iniciación á Dirección, que nace do convenio de colaboración firmado entre as dúas entidades para a realización de actividades dirixidas a promover a formación de autores, produtores e técnicos de obras cinematográficas e gravacións audiovisuais, mediante a realización conxunta de cursos monográficos, que ademais beneficiará aos alumnos que superen dito curso, pois quedarán exentos da proba do Test de Cultura Xeral Cinematográfica das probas de acceso á ECAM, naquela especialidade á que corresponde a materia de cada curso impartido.

O curso utilizará unha metodoloxía eminentemente práctica na que os asistentes participarán activamente mediante a realización de diferentes exercicios que se indicarán nas clases.

As sesións terán lugar ao longo de dúas semanas, do martes 12 ao venres 22 de xullo (ambas datas incluídas), na sede do Consorcio Audiovisual de Galicia (Rúa do Hórreo, nº 61 – 2º, Santiago de Compostela). O horario, o primeiro día será de 9:00 a 14:00 h. e de 15:30 a 19:30 h. e a partir deste día, as xornadas serán de mañá de 9:00 a 14:00 h.

O éxito de convocatoria do curso apréciase nas máis de oitenta solicitudes recibidas para doce prazas dispoñibles dun curso no que se busca introducir a profesionais e estudantes implicados, directa ou indirectamente, no sector audiovisual, no campo da dirección cinematográfica.

O dinamismo da actividade cinematográfica en Galicia e a identificación da necesidade formativa neste campo, levou ao Consorcio a ofrecer este curso en colaboración coa ECAM. Con esta actividade preténdese preparar aos asistentes nos labores de dirección cinematográfica, como importante implicación para a saída profesional dos nosos mozos.

O curso iniciarase coa participación de Fernando Méndez-Leite, Director da ECAM, que exerceu como director Xeral do ICAA e traballou como realizador en TVE preto de 30 anos. Síguelle Alfonso Ungría que é profesor de dirección na ECAM, e que desenvolveu a súa carreira profesional, tanto no cine como na televisión, con notable éxito, estando varias das súas producións premiadas no Festival de Cine Documental de Bilbao, no F.I.P.R.E.S.C.I. e Cartagena de Indias, entre outros, e dúas veces participando na sección oficial do prestixioso Festival de Venecia. Completa o cadro de participantes Ernesto Martín, profesor de linguaxe na ECAM, con experiencia como realizador no mundo do documental, reportaxe e videoclip, que ademais dirixiu e coguionizou “El chocolate del loro”.

Coa realización deste curso séguese traballando no plan de formación do Consorcio Audiovisual de Galicia para o ano 2005, que está cubrindo a demanda dos axentes que desenvolven a súa actividade no sector audiovisual.

Nos seis primeiros meses deste ano, leváronse a cabo dentro do plan de formación actoral, mediante un convenio de colaboración coa Fundación AISGE, dous cursos, un de inglés audiovisual e outro de voz.

En Colaboración coa Universidade de A Coruña organizouse o Posgrao en Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais.

Por último, o Consorcio levou a cabo o Taller de Non Ficción para Televisión, dedicado aos produtores.

Consorcio Audiovisual de Galicia