Skip to main content

A USC coordina o proxecto no que participan a Universidade dos Andes (Chile) e a de Carolina del Norte (EEUU)

A rapa das Bestas, o Camiño de Santiago ou as menciñeiras son tres dos temas escolmados para formar parte do documental multimedia que sobre Galicia están a realizar alumnos das Universidades de Santiago de Compostela (USC), de Carolina del Norte (UNC/EEUU) e dos Andes (Chile).
Dende o pasado día 1 ata o próximo 31 de xullo profesores, alumnos e profesionais dos tres países traballan na Facultade de Ciencias da Comunicación na elaboración dunha páxina web documental que mostre a Galicia actual a través da vida dos seus habitantes. Os membros do equipo están a seguir a vida dos agricultores, dos mariñeiros e dos mariscadores galegos co fin de encontrar e transmitir a visión máis intimista. Ademais da Galicia traballadora, a páxina web documental incluirá tamén reportaxes sobre a música tradicional, a artesanía ou os conta contos en Galicia. Todos os traballos estarán editados en tres idiomas (galego, español e inglés).
Os organizadores da experiencia –o grupo de investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación- que se realiza por primeira vez en Galicia, buscan obter unha panorámica que evidencia as conexións entre a tradición e a modernidade a través da ollada de profesionais de culturas tan diferentes como a estadounidense, a chilena e a galega. O equipo de investigación móstrase satisfeito con esta primeira semana de experiencia e coa acollida dos profesionais e artistas galegos, auténticos protagonistas das reportaxes.

Equipo humano.-

O equipo de case 50 alumnos está coordinado por profesores e profesionais, expertos no ámbito das tecnoloxías dixitais, da fotografía, do deseño e da infografía. Forman parte do grupo os fotógrafos Rich Beckman (UNC), Bonnie Jo Mount (News&Observer) y Pat Davison, membro do equipo do xornal estadounidense Rocky Mountain News que conseguiron un premio Pulitzer pola cobertura dos asasinatos no instituto Columbine; os infografistas Alberto Cairo e Xaquín G.V., unha das publicacións dixitais que conta con numerosos galardóns no eido infográfico, deseñadores como Laura Ruel (UNC e SND) e profesores da USC como Xosé López, Berta García, Manuel Rodríguez e Gaspar Broullón.
O proxecto forma parte dunha serie de experiencias impulsadas pola UNC que aglutinan os planos de aprendizaxe, do traballo en equipo, do intercambio de ideas, do debate e do coñecemento. Os anteriores realizáronse en Chile e en Sudáfrica e os documentais realizados acadaron importantes premios, tanto de fotografía, de infografía como de deseño. A proposta de Chiloé Stories (www.chiloestories.org) foi considerada o mellor proxecto documental estudiantil pola Online News Association (ONA) e Ten Years On (www.tenyearson.org), dedicada ó aniversario da fin do apartheid en Sudáfrica, obtivo un galardón da Society for News Design (SND).
Esta experiencia é a última, ata este momento, dunha serie de documentos, producidos na súa totalidade por estudiantes da Universidade de Carolina del Norte en colaboración con institucións de fóra de Estados Unidos, cós que se pretende unha aproximación á forma de vida, á cultura e ás tradicións dos distintos territorios ós que acuden.
Nesta ocasión, financian o proxecto, ademais da ambaixada de EEUU en España, a USC, o Xacobeo, a Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual da Xunta de Galicia e a Fundación Fulbright.
Novos Medios. Facultade de Ciencias da Comunicación USC