Skip to main content

O presidente da Xunta solicita ó Consello da Cultura Galega un informe sobre a futura Lei de Radio e Televisión de Galicia e outro sobre a Cidade da Cultura

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, solicitou ó Consello da Cultura Galega (CCG) a súa colaboración para a redacción dun informe sobre a futura lei de radio e televisión de Galicia, así como a súa colaboración para que expoñan ó Goberno galego o seu criterio respecto dos usos da Cidade da Cultura. O xefe do Executivo autonómico informou deste proxecto de colaboración tras manter unha xuntanza co presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, quen acudiu acompañado de varios membros da institución.

Emilio Pérez Touriño destacou a función asesora “extraordinariamente relevante” do Consello da Cultura Galega e avanzou a súa intención de promovela e impulsala, así como de contar co seu criterio “nos grandes temas do país”. En particular, o presidente amosou tamén o seu interese no asesoramento que a institución cultural poida facer sobre a creación dun Arquivo de Galicia, “tan necesario para o noso país”.

Tras agradecer a dispoñibilidade do CCG para abordar estes proxectos culturais, o presidente da Xunta resaltou que “os gobernos están para dialogar e saben que os mellores recursos non están na administración, senón na sociedade civil”. Asegurou, polo tanto, que os informes do Consello da Cultura Galega serán a partir de agora “elementos de referencia e de traballo”.

Pola súa banda, Alfonso Zulueta manifestou a súa satisfacción “polo ben que acolleu o presidente” os seus plantexamentos sobre futuros proxectos do Consello da Cultura e por ter falado de “temas importantísimos”, como o da Cidade da Cultura. Respecto deste proxecto , Zulueta explicou que ata o de agora o CCG non exercera función de asesoramento: “Nós non formábamos parte como institución de ningunha función de asesoramento, a pesar de que somos esencialmente unha institución para asesorar ás entidades públicas e privadas”.

Zulueta agradeceu a “extraordinariamente importante” receptividade do presidente da Xunta ós ofrecementos do CCG, algúns plantexados “xa hai moito tempo”, como é o caso da inclusión na Cidade da Cultura de arquivos do organismo cultural. Zulueta referiuse especificamente ó arquivo sonoro e ó da emigración, que cualificou como “os mellores do mundo”.

Tamén abordou co xefe do Executivo autonómico o proxecto dun “gran congreso sobre as Cantigas de Santa María”, co obxectivo de estudar “o punto de prestixio máis importante da lingua galega na historia”. Zulueta dixo comprobar “con gran satisfacción” que o presidente da Xunta recollía a idea. Na súa opinión, o asesoramento do Consello da Cultura ata o de agora “non se utilizou con toda a eficacia que se podía utilizar” e considerou “importante para o país” que o presidente do Goberno galego se dispoña a empregar toda súa “eficacia”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia