O presidente da Xunta aposta por unha televisión e unha radio públicas de alta calidade, altamente comprometidas co futuro de Galicia, coa liberdade, o pluralismo e a tolerancia

O xefe do Executivo autonómico argumentou que “un país só se pode construír cun exercicio permanente dos valores cívicos e constitucionais de información veraz, plural, e de capacidade de crear un proxecto colectivo de confianza nas forzas que ten o país”. Neste sentido, indicou que a CRTVG precisa “dun paso adiante entre todos para mellorar a súa credibilidade”, unha misión que “só se pode conseguir cun esforzo cotiá e colectivo para garantir a transparencia”, unha cuestión que considera “o eixo vertebral da política do cambio”.
“Tamén a CRTVG vai facer ese exercicio cotiá de transparencia na información, que pasa por dar cabida a todas as voces, a esa inmensa pluralidade que hai no noso país, para que ningunha voz quede excluída”, asegurou.
Tres obxectivos principais

En segundo lugar, o novo director da CRTVG fixo fincapé na necesidade de que nos medios públicos “non caiba a propaganda”, de xeito que se garanta o “dereito fundamental a unha información veraz, e ao pluralismo político e ideolóxico”. Por último, manifestou a súa vontade de que tanto a radio como a televisión conten con espazos culturais nos que a cultura e a lingua de Galicia teñan un “lugar natural de espallamento e normalización”.
Benigno Sánchez recoñeceu que se trata dunha “tarefa difícil”, para a que buscará “o consenso entre todas as persoas, institucións e organismos” relacionados co labor da compañía, así como cos representantes legais dos traballadores. Asemade, anunciou que fará “unha aposta firme por unha política laboral de portas abertas”, baseada no consenso e no diálogo, de tal maneira que “non se despida a ningún talento por cuestións alleas á súa profesionalidade”.
Benigno Sánchez accedeu por oposición en 1995, co número 1 da súa promoción, ao corpo superior de inspectores de Traballo e Seguridade Social, con destino inicial en Vigo. En 1988 incorporouse á empresa Construcciones Aeronáuticas, S.A. (CASA) como subdirector executivo da Dirección de Organización e Recursos Humanos.
En 1991 foi nomeado presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, cargo que desenvolveu durante seis anos. Posteriormente, integrouse no grupo empresarial Leyma-La Lactaria Española, S.A. como director de Organización e Recursos Humanos.
En 2000 foi nomeado xefe da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social da Coruña, cargo que desenvolveu ata o de agora. É conferenciante habitual sobre cuestións laborais, sociais e da empresa en xeral, en foros universitarios e profesionais, e ten numerosas publicacións sobre os temas da súa especialidade.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia