Skip to main content

A Coruña acolle a preestrea da longametraxe Somne, que contou cunha achega por parte da Xunta de máis de 109.000 euros

Os cines FilmaxCoruña acollen o venres, 21 de outubro, a preestrea nacional de “Somne”, a primeira longametraxe da produtora coruñesa Vaca Films, na que tamén colaborou a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Comunicación, achegando máis de 109.000 euros para a súa produción. O filme contou tamén coa coprodución da TVG e coa participación de TVE e CANAL +.

Somne é un thriller dirixido por Isidro Ortiz e protagonizado por Goya Toledo. Conta ademais coa participación de Oscar Jaenada, Nancho Novo, Chete Lera, Uxía Blanco, Chema Blasco e Gary Piquer.

A película, que foi rodada ao longo de oito semanas en localizacións de Santiago de Compostela, Noia e O Grove, foi exhibida, en pase especial, neste mesmo mes de outubro no Festival de Cine Fantástico de Sitges.

A trama

O argumento de Somne xira arredor da figura de Andrea (Goya Toledo), unha neuróloga brillante e nova que decide volver ao lugar onde estudou, a Illa de Salerma. Neste lugar descubrirá que unha antiga mestra súa –personaxe encarnado por Uxía Blanco- se suicidou deixando sen rematar un importante experimento no que estaba a traballar. O consello reitor da universidade na que estudou pídelle a Andrea que continúe con este proxecto. A medida que avanza nesta investigación, a protagonista de Somne comeza a padecer insomnio e a descubrir inquedantes segredos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia