Skip to main content

O xornalista Fernando Jáuregui participa nos Encontros On/Off de Lugo

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a través da súa
demarcación de Lugo, organiza un novo `Encontro ON/OFF´ nesa cidade coa
presenza do recoñecido xornalista Fernando Jáuregui. A cita é o xoves,
10 de novembro, no Círculo das Artes, situado na Praza Maior da cidade, a
partir das 19:30 horas.

Fernando Jáuregui Campuzano, director e editor de Ociocrítico.com e
Diariocrítico.com, estudou Dereito e Periodismo en Madrid. Leva máis de
trinta anos dedicado ás tarefas informativas, desenvolvendo a súa carreira
en distintos medios como: Europa Press, Informaciones, Diario 16, El País,
El Periódico, El Independiente, Ya, ou el El Correo.

Exerceu tamén como subdirector de informativos de Telecinco e director do
programa Mesa de Redacción na mesma cadena. En radio, colaborou na Cadena
COPE e en Radio Nacional de España (RNE). Foi corresponsal de Efe nas
Nacións Unidas (Xenebra) e de Pyresa e outros medios en Lisboa.

Colaborou en `Los Desayunos de TVE´. Foi directivo da Asociación da Prensa
de Madrid e agora é membro da directiva do Club Internacional de Prensa.

Como escritor, Jáuregui publicou, só ou en colaboración, dezasete libros
sobre actualidade e historia contemporánea, o último deles “Cinco horas y
toda una vida con Fraga”.

Colaborador na Cadena COPE, ONDA CERO, RNE e tamén en `Los Desayunos de
TVE´, mantén unha columna sindicada nunha vintena de periódicos españois.
Foi director de comunicación da ONCE e xefe de prensa do Concello de Madrid.

Na actualidade Fernando Jáuregui colabora en ABC, na cadea de xornais Off
the Record e na de Colpisa. Tamén dirixe a revista “Más-Más”, colabora na
emisora Onda Cero, e nas cadeas de televisión Telecinco e Telemadrid.

Cos `Encontros ON/OFF´ preténdese fomentar o diálogo e a análise da
actualidade cos seus protagonistas para o que se conta coa colaboración do
Circulo das Artes de Lugo e a entidade Caixanova. Na cidade amurallada
estiveron con anterioridade outros profesionais do xornalismo como Gervasio
Sánchez, Carlos Carnicero ou Ángela Rodicio e voceiros dos partidos
políticos que aspiraban a dirixir a Xunta de Galicia nas pasadas eleccións
autonómicas. Os “Encontros On/Off” tamén se celebran na demarcación da
Coruña do CPXG.

Ó encontro poden achegarse todos os xornalistas que así o desexen, por
motivos de traballo ou para coñecer unha faceta máis da súa profesión. Para
inscribirse nos encontros pódese chamar ó teléfono 981 93 56 70 ou enviar un
correo electrónico a xornalistas@xornalistas.com. O aforo é limitado.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de
Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións
coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar
na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu
traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de
independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

Conferencia sobre a morte do papel

Tralo encontro cos xornalistas, Fernando Jáuregui pronuncia unha
conferencia sobre a morte do papel e a implantación dos medios dixitais.
Esta charla englóbase dentro do ciclo cultural `Periodismo do Século XXI´,
organizado na cidade en virtude do convenio entre Caixanova e o Concello de
Lugo.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia