Skip to main content

Emilio Pérez Touriño asegura que Galicia non pode conformarse con ocupar os furgóns de cola do tren europeo senón que quere conquistar o século XXI

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, avogou, durante o acto de entrega do Premio Fernández Latorre, porque a Comunidade galega deixe de estar á cola e gañe posicións dentro de España e de Europa. “Galicia non pode conformarse con ocupar os furgóns de cola do tren europeo. Galicia quere conquistar o século XXI, porque Galicia ten fame de futuro”, asegurou o máximo mandatario autonómico.

Por iso, engadiu o titular do Goberno galego, “o Goberno que presido non podía senón colocar -como facía o editorialista de La Voz hai 123 anos- a educación en primeiro plano, na vangarda dos nosos obxectivos”. De aí que as primeiras accións da nova Administración autonómica fosen encamiñadas nesa dirección: a gratuidade dos libros de texto, axudas para a compra de ordenadores por parte das familias, bolsas para estudantes no estranxeiro ou o incremento do orzamento educativo, que por vez primeira medra por riba do que o fan as Contas da Comunidade autónoma.

“Nesta sociedade do coñecemento e da información, que achicou o mundo coa mellora do transporte e das comunicacións, e coa progresiva supresión de barreiras, a educación e a formación constitúen a única chave que nos permitirá abrir as portas do futuro”, lembrou.

Medios libres, solventes e independentes

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño tamén se referiu á relación entre o poder político e os medios de comunicación ao indicar que estes últimos teñen “non só o dereito, senón tamén o deber” de informar da acción de Goberno e de opinar e “xulgar cada decisión adoptada, asumindo o dobre papel de fiscais e de avogados defensores, á espera do veredito inapelable que emiten as urnas cada catro anos”.

Por iso avogou por uns medios de comunicación libres, economicamente solventes e independentes, sen que sexan “nin submisos ao poder nin frivolamente irresponsables”.

O premiado

Por último, o titular do Goberno galego quixo felicitar a Ramón Villares, o galardoado nesta XLVII edición co Premio Fernández Latorre, polo traballo que o fixo merecente deste premio, a obra Galicia siglo XX, que reflicte a transformación experimentada por Galicia no último século. En particular, Emilio Pérez Touriño salientou o “salto histórico” producido nos últimos 25 anos “sobre o firmes piares da Constitución e do desenvolvemento do Estado das Autonomías”.

O presidente da Xunta manifestou o compromiso do Goberno que preside por “non poñer cancelas nin atrancos á creatividade de todos os galegos e si, pola contra, dar un pulo ao dinamismo que a nosa sociedade civil ten demostrado” para que “sigan a florecer no noso país –dixo- novos emprendedores ou investigadores como o hoxe homenaxeado, Moncho Villares”. “Estou convencido de que a solidez das nosas institucións, a firmeza das nosas conviccións e a determinación xenerosa e leal das nosas vontades anoaranse para dar de si o mellor de Galicia”, sentenciou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia