Skip to main content

RTVE debe corrixir as discriminacións lingüísticas que mantén en Galiza

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou en conferencia imprensa que se non se recupera Radio 4 como emisora de RNE en galego é por unha decisión política do Goberno central e da dirección estatal de RTVE. A pesar de que Carmen Caffarel sostivo no Congreso dos Deputados que a restauración de Radio 4 en Galiza “suporía un investimento inasumíbel”, o ente non ve problema, por exemplo, en gastar seis millóns de euros no programa de Pepe Navarro.

O Presidente da Mesa, Carlos Callón, acaba de lle remitir unha misiva a Carmen Caffarel onde lle pregunta onde se nota máis que RTVE é un servizo público, se en programas como Gente, Corazón de Otoño e Mira quién baila, ou en posíbeis accións como a recuperación de Radio 4, que contribuiría a garantir uns mínimos da cooficialidade lingüística estabelecida pola Constitución e o Estatuto en vigor.

Carlos Callón mantivo nos últimos meses diversas entrevistas con
persoas moi implicadas na posíbel recuperación de Radio 4, como Pedro Piqueras (Director Xeral de RNE), Celia Díaz (directora de RNE –Galiza), Fernando Salgado (Secretario Xeral de Comunicación do Goberno Galego) e Miguel González Somovilla (Director Xerente de Comunicación e Relacións Institucionais de RTVE). Celia Díaz e Fernando Salgado mostraron unha receptividade moi positiva a esta proposta.

Pedro Piqueras, porén, argumentou que era difícil a recuperación de
Radio 4 en Galiza porque en Cataluña esta emisora contaba cunha escasa audiencia. É rechamante ese argumento posto que, en Galiza, Radio 4 gozou dunha aceptación social importante e, porén, fechárona en 1992 alegando tamén razóns económicas que curiosamente non se aplicaron a Cataluña.

Iria Taibo, Responsábel Nacional de Mocidade pola Normalización
Lingüística, recordou na conferencia de imprensa que Carmen Caffarel recoñeceu no Congreso dos Deputados que en Galiza existe unha demanda social para a recuperación de Radio 4. Porén, segundo Taibo: “Nin a demanda social lle importa, nin a audiencia potencial, nin o servizo público que suporía. O único que lle parece importar é que para recuperar Radio 4 habería que investir en persoal, posto que as infraestruturas xa as teñen. Caffarel prefire pagarlle 6 millóns de euros a Pepe Navarro que contratar técnicos e locutores en Galiza, cando co diñeiro de dous dos 39 programas de Navarro xa poderiamos ter Radio 4 en galego durante máis dun ano.”

Ademais, RTVE mantén outras discriminacións comparativas con Galiza que deberían ser corrixidas e que A Mesa lle reitera a Carmen Caffarel na comunicación que lle acaba de enviar:

1. Equiparación das desconexións de TVE para a Galiza e para Cataluña, o cal significa:
A. Que haxa informativos desde a Galiza todos os días da
semana, tamén os sábados e domingos.
B. Que aumente a programación desde a Galiza en horas de máxima audiencia durante as tardes, seráns e noites dos días de semana.
C. Que aumente a programación desde a Galiza nas fins de semana.
D. Que as desconexións sexan sempre na lingua propia, o que implica reformular o espazo Desde Galicia para el mundo. Neste programa mesmo sen producen intolerábeis imposicións do castelán ás persoas entrevistadas.

2. A xa sinalada recuperación dunha emisora de RNE na nosa lingua (Radio 4), que en Cataluña continúa existindo, mais en Galiza deixou de emitir en 1992 e que a actual dirección de RTVE se nega a restaurar.
- Carmen Caffarel recoñeceu no Congreso (28/10/05) que en Galiza
existe unha importante demanda social para que se recupere, mais
aduciu razóns económicas para non facelo: “A posibilidade de restaurar Radio 4 para a comunidade galega, con emisións en lingua autóctona durante as 24 horas do día, supón acrecentar un gasto adicional moi significativo, eu diría que inasumíbel, no momento que vivimos.”

3. Que, na próxima emisión dixital, TVE ofreza versión en galego de todos os filmes, espectáculos deportivos e de todas as series infantís e xuvenís.

4. Que as páxinas web de RNE e TVE conten tamén cunha versión en galego.
A Mesa pola Normalización Lingüística