Skip to main content

A realidade social que nos rodea é a que debera determinar o compromiso profesional do xornalista

“Ninguén debería ser alleo á realidade na que vive, tanto a máis próxima como a máis lonxana, porque a fin de contas, os seres humanos compartimos un mesmo planeta, aínda que cada espazo teña connotacións sociais, políticas e culturais diferentes”. Así se expresou Ignacio Ramonet, director de Le Monde Diplomatique, na conferencia impartida xunto ao músico, escritor e tamén xornalista galego igualmente afincado en París, Ramón Chao Rego. A conferencia foi presentada polo secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado.

A reflexión, o pensamento, a racionalización dos acontecementos que nos suceden ou ocorren diante dos nosos ollos, teñen que ser un revulsivo para que tanto os medios de comunicación de masas en todos os seus soportes, como os transmisores da información (comunicadores, xornalistas, etc) tomemos conciencia dunha realidade, que por lonxana –xeograficamente- que nos pareza, nos atinxe directamente como seres humanos, incidiu Ramonet.

A inercia foi a que levou a Ramón Chao, que se define como un anarquista comprometido coa sociedade, a combater o xornalismo descafeínado. Non podemos, afirmou, pechar os ollos ante as agresións, as inxustizas que están debuxando un mundo desigual e con enormes diferenzas sociais. O tópico de “un mundo mellor” non pode quedar en tópico, senón mudalo e adoptar actitudes de compromiso, críticas e autocríticas, combativas e activas, diante destes acontecementos internacionais que selan e lacran as desigualdades sociais, afirmou Chao.

Pola súa parte, Ramonet –gran coñecedor do que significa o proceso de globalización e os entramados que esconde- dixo tamñen que o xornalista debe ser consciente do papel que cumpre profesionalmente e socialmente, e por iso, debe posicionarse, debe comprometerse dun ou doutro xeito, e en definitiva, non pode ser nunca un ser pasivo. Os límites físicos do planeta obrigan a denunciar un modelo baseado no consumo, sen arranxar a cuestión do desenvolvemento. O xornalismo de investigación choca frontalmente con esoutro modelo de xornalismo que se limita a “traducir teletipo” ou reproducir exclusivamente as noticias emitidas polos gabinetes de comunicación. Debemos propiciar a reflexión social, contar realmente o que acontece, pero investigar sempre o que hai detrás dos titulares. Para informar, cómpre primeiro formarse, pensar, reflexionar, ler, analizar, contrastar, e sacar conclusións.

Sobredose informativa

Outro dos conceptos vertidos na Conferencia, xiraron encol da necesidade de educar á sociedade a discriminar información, referíndose con elo á sobredose informativa que a sociedade da información, a rede, propicia. Por iso, é importante ter en conta “á sociedade na información” e ser plenamente conscentes da importancia que ten a responsabilidade de facer chegar á sociedade o que a propia sociedade xenera, pero sen enmascarar, sen trastocar, sen manipular e sen tentar desviar a atención dos auténticos motivos que xeneran esa información.

Os medios de comunicación e os profesionais da mesma, son arte e parte da transformación social, da evolución social. De aí que ese compromiso do xornalista, ese código ético que debe imperar na conciencia do profesional, debería ser o roteiro a seguir na práctica habitual.

Con esta conferencia remataron as I Xornadas de Comunicación de Galicia no Hostal dos Reis Católicos, onde posteriormente se celebrou o cóctel de clausura ao que asistiron ademais dos participantes nas xornadas, distintas autoridades e persoeiros da vida cultural, xornalística e política do país.

Ramón Chao

Ramón Chao (Vilalba, Lugo, 1935) é músico, escritor e xornalista. Criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, un punto de encontro para persoeiros como Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro. No ano 1956 emigra a Francia para estudar piano. En París, dirixiu emisións radiofónicas en galego, que foron prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. En 1991 foi nomeado Cabeleiro das Artes e das Letras polo goberno francés.

Actualmente colabora en diversos medios xornalísticos, como Le Monde Diplomatique, onde realiza crítica literaria habitualmente. É autor, entroutros libros, da Guía secreta de París (1975), El lago de Como (1982), Palabras en el tiempo, Conversaciones con Alejo Carpentier (1984), Un posible Onetti (1992), Mano negra en Colombia (1994), Prisciliano de Compostela (1999) ou La passion de Carolina Otero (2001). Na actualidade é redactor xefe de Radio Francia Internacional e membro do colectivo antiglobalización Attac.

Ignacio Ramonet

Ramonet (Redondela, Pontevedra, 1943) é doutor en Semioloxía e Historia da Cultura e catedrático de Teoría da Comunicación. Especialista en Xeopolítica e Estratexia Internacional (experto-consultante das Nacións Unidas), foi premiado en numerosas ocasións polo seu labor xornalístico. É autor de varios libros, a meirande parte traducidos a diversas linguas, entre os que salientan: La Golosina virtual (1985 e 2000), Cómo nos venden la moto, (con Noam Chomsky), Il Pensiero Unico, Un mundo sin rumbo (1997), Rebeldes, dioses y excluidos (1998); La tiranía de la comunicación (1999), Propagandas silenciosas (2002) ou Guerras del siglo XXI (2002). Na actualidade dirixixe Le Monde Diplomatique e Maniére de voir. É membro do colectivo antiglobalización Attac.
Club Internacional de Prensa (Xunta de Galicia)