Skip to main content

Quintana aposta pola promoción dun cine galego con mirada propia que contribúa a facer país

“Dende o Goberno galego queremos promover un cine con mirada propia, con identidade propia, que reforce a imaxe de marca de calidade do audiovisual galego e que contribúa a facer país”, afirmou o vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, na inauguración da exposición Cine pintado. Luís Buñuel y su primera mirada en Italia no Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa (MACUF) da Coruña.

Quintana sinalou que dende a Xunta vaise apoiar en todo momento aos artistas galegos, proporcionándolles os medios necesarios para que poidan traballar en Galiza e dende Galiza, sen que se vexan obrigados a marchar do país por falta de apoios. “No Goberno de Galiza traballamos por unha política audiovisual ao servizo do país, baseada nos principios de transparencia e de igualdade de oportunidades”, manifestou.

O vicepresidente da Xunta, no acto de inauguración da mostra, reiterou o enorme potencial que debe supoñer para un país a industria audiovisual. Quintana indicou que se trata dun sector estratéxico, non só polas súas expectativas de crecemento, “senón tamén pola súa importancia para o futuro da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa imaxe cara o exterior”.

Exposición

Na inauguración da exposición, Anxo Quintana salientou a importancia da obra de Luís Buñuel, ao que calificou como “aragonés universal que fixo un cine auténtico, persoal, sen artificios nin concesións”. O vicepresidente sinalou que a mostra Cine pintado. Luís Buñuel y su primera mirada en Italia representa unha boa oportunidade para coñecer “a primeira mirada” que se ofreceu en Italia sobre a obra de Buñuel mediante os diferentes carteis cos que se promocionaron as súas películas.

Quintana louvou o “estilo provocador e irreverente” de Luís Buñuel, o que o convertiu nun “icono de modernidade, ao tempo que lle suscitou a crítica e o escándalo das mentalidades máis tradicionais e conservadoras da época”. O vicepresidente tivo unhas palabras de recordo para o exilio ao que se viu forzado Buñuel durante 30 anos, ao igual que outros moitos artistas, pensadores e cidadáns españois e galegos.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia