Skip to main content

Fernando Salgado anuncia que o Goberno galego está a traballar na Lei de Publicidade Institucional para impedir propaganda política pagada con fondos públicos

O secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado, anunciou no Parlamento que o Goberno galego está a traballar no proxecto de Lei que regulará a publicidade institucional para “prohibir taxativamente a propaganda política pagada con fondos públicos”. Na súa comparecencia ante a Comisión primeira de Administración Xeral, Xustiza e Interior da Cámara autonómica para dar conta das liñas xerais de actuación do seu departamento para 2006, Fernando Salgado destacou que o primeiro borrador da futura Lei de Publicidade Insitucional estará preparado para o vindeiro mes.

Trátase da primeira norma destas características que se levará a cabo en Galicia. Salgado lembrou que existe un marco legal de carácter xeral apr aa publicidade no Estado, pero que é referido á publicidade comercial e non aborda as características propias da comunicación publicitaria das institucións.

Así mesmo, adiantou que tamén se está a traballar, dende a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta, en dous proxectos de lei. Un deles regulará a concesión de subvencións aos medios de comunicación seguindo “parámetros obxectivables” como as cifras de audiencia ou utilización do idioma galego. Así mesmo, salientou que nela se coidará “non discriminar a ninguén” e que o seu obxectivo último é contribuír a dotar a Galicia duns “medios fortes, plurais e saneados económicamente”.

O outro proxecto de lei é o que afecta á reforma do ente público da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). Neste caso, referiuse concretamente ao establecemento legal da elección do director da compañía mediante maioría cualificada do Parlamento galego.

Segundo manifestou Salgado, deste xeito se estarán a dar cumprimento aos compromisos asumidos polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na campaña electoral, no Acordo de Goberno e no seu discurso de Investidura.

Dereito a unha comunicación institucional transparente

Fernando Salgado defendeu na súa intervención a importancia que tén na vida democrática “o dereito dos cidadáns de coñecer o que fai a súa administración” e, como contrapartida, a “obriga” do Goberno de ofrecer unha comunicación que cumpra cos criterios de “transparencia e veracidade”.

Para este cometido, o secretario xeral de Comunicación apuntou tres ferramentas básicas de traballo. A primeira delas, dentro da secretaría xeral que dirixe, o Club Internacional de Prensa de Galicia, convertido nun “escenario útil” e “espazo de diálogo, debate e contraste de pareceres” para as institucións e cidadáns en xeral. Así mesmo sinalou o Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, composto por profesionais do xornalismo sometidos aos mismos “principios éticos, respecto á obxectividade e traballo lexítimo” que o dos medios de comunicación.

En terceiro lugar referiuse Salgado á páxina web do Goberno galego, asegurando que se está a traballar para convertela nunha “fiestra de servizos” a través da cal os cidadáns poidan permanecer informados da actividade da Admnistración e interactuar con ela en todo tipo de trámites, pagos de taxas, sancións, etc.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia