Skip to main content

O escritor, xornalista e licenciado en Dereito Alfonso Sobrado Palomares será designado próximamente director da Casa de Galicia en Madrid

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o xornalista e escritor Alfonso Sobrado Palomares será designado proximamente como novo director da Casa de Galicia en Madrid, logo dunha entrevista mantida esta mañá nesta institución.

Nacido na localidade ourensá de Calvos de Randín, Antonio Sobrado é licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e en Periodismo, campo no que ten desenvolvido a súa vida profesional. Tamén realizou estudos de filosofía, así como cursos especiais sobre marxismo e existencialismo.

Foi director da Axencia de reportaxes Radial Press, ao tempo que comentarista de política internacional en Sábado Gráfico e en Cambio 16, revista da que tamén foi conselleiro de redacción. A finais de 1973 fundou e dirixiu a revista Ciudadano, que causou unha auténtica perturbación na paisaxe política e xornalística nacional, xa que criticaba de maneira aberta os produtos do mercado así como os métodos comerciais e, por elevación, a Administración franquista. De aí pasou a dirixir a revista Posible e máis tarde fundou e dirixiu a revista Leer, dedicada a temas literarios e artísticos.

Comentarista político

Foi vicepresidente da Asociación da Prensa de Madrid e presidente da Comisión de Hoja del Lunes. Durante cinco anos, de 1980 a 1985, foi comentarista de política internacional no Periódico de Catalunya, tempo no que tamén mantivo unha columna na Axencia OTR, que reproducían diariamente vintedous xornais.

No 1986 foi nomeado presidente-director xeral da Axencia EFE, cargo que desempeñou durante dez anos. Nese período, a Axencia foi galardoada co premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades.

No 1988 foi distinguido co Master de Ouro, que concede o Forum de Alta Dirección para premiar a liña profesional de empresarios e directivos.

No eido educativo, dirixiu cursos de verán relacionados co mundo da comunicación e as relacións internacionais nas universidades Menéndez y Pelayo, o Escorial e Ronda e pronunciou conferencias en diversas universidades de España, Portugal e Iberoamérica.

No 1997 pasou ao Grupo Zeta como director de Relacións Internacionais e Asesor Editorial, así como comentarista político da revista Tiempo e o Periódico de Catalunya. O 17 de maio de 2001 foi nomeado director do Diario Córdoba e editor de Onda Mezquita. E o 28 de setembro de 2001 tomou posesión como presidente do Consello Social da Universidade de Córdoba cargo no que, ao final do seu mandato no 2005, foi distinguido coa Medalla de Ouro da institución académica cordobesa.

Por motivos xornalísticos ou de xestión empresarial, ten recorrido setenta países entrevistando ou entrevistándose con grandes dirixentes mundiais, entre outros Ben Bella, Tito, Pertini, Fidel Castro, Noriega, Salinas de Gortari, Alfonsín, Arafat, Netanyahu, Willy Brandt, Mario Soares ou Belisario Betancourt.

Produción ensaística e literaria

Publicou os libros de ensaio: África, la hora de las violencias, El socialismo y la polémica marxista e Albert Camus, unha biografía na que analiza a obra e o pensamento do famoso Premio Nobel. Como narrador publicou as novelas: Agotando la esperanza -que obtivo o II Premio Café Gijón-; Las linotipias del miedo, Una larga sed e o pasado mes de maio saíu á venda a súa última novela Te amaré después de siempre, cuxa primeira edición se esgotou nun mes.

O pasado mes de novembro deixou a dirección do Diario Córdoba para incorporarse ao Grupo Zeta como asesor da Presidencia e membro do Comité Editorial. Ao mesmo tempo publicaba, en Ediciones B, o libro: Felipe González, el hombre y el político, libro do que no seu primeiro mes se lanzaba a cuarta edición.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia