Skip to main content

Presentada a II edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa

A Galería Sargadelos de Ferrol acolleu a presentación da II Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, co apoio de Caixanova. O galardón, que o ano pasado recibiu o xornalista marroquí Alí Lmrabet, ten por obxectivos recoñecer e difundir o traballo dunha persoa ou institución destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente; e homenaxear a José Couso e a todos os que defenden a liberdade de prensa.

No acto de presentación do premio interviñeron o Presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, o Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Vega Gómez, e o Director Xeral Adxunto de Caixanova, José Luis Pego Alonso. Ademais, en representación da familia do cámara de Tele 5 asasinado en Iraq estivo presente Quico Permuy, tío de José Couso, ó que Xan Morales expresou, no nome de toda a mesa, o seu agradecemento por estar presente no acto.

Xan Morales expresou o seu desexo de que esta edición do premio “sexa como a do ano pasado”. Subliñou que hoxe se abre o prazo para presentar candidaturas ó premio, e permanece aberto ata o 20 de febreiro. Unha vez pechado, o día 23 do mesmo mes daranse a coñecer as candidaturas definitivas. Morales lembrou que as bases se poden consultar na web do premio (www.xornalistas.com/couso). Tamén sinalou que a presentación do gañador terá lugar o 3 de maio, coincidindo co Día da Liberdade de Expresión. O presidente do Club de Prensa tamén dixo que xa se está a traballar na preparación dos actos do día da entrega, que se pretende realizar o último venres do mes de maio, e que tratarán que teña como escenario o recén remodelado Teatro Jofre de Ferrol.

Xosé Manuel Vega incidiu no carácter especial deste premio, que non rende homenaxe ós profesionais que mellor escriben, que posúen mellores fontes, ou que están mellor situados, senón que “é un premio a todos os xornalistas que non pretenden ser un apéndice do poder, senón que son conscientes de que deben actuar como contrapoder, como mediadores”. O decano do CPXG espera “que o xurado teña o mesmo acerto que o ano pasado ó escoller a Alí Lmrabet”, e tamén agarda que o galardón sirva para reflexionar sobre a situación da profesión e sobre o estado de saúde da liberdade de prensa en Galicia.

O Director Xeral Adxunto de Caixanova, José Luis Pego Alonso, agradeceu no nome da entidade á que representa a posta en marcha deste proxecto “e que se contara con Caixanova para participar nesta iniciativa”. Sinalou que Caixanova está en contacto directo cos xornalistas polas actividades sociais que se desenvolven en Galicia, e que esta é unha entidade “moi sensible ó labor dos xornalistas e á súa problemática”, polo que apoian desde o primeiro momento esta iniciativa.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia