Skip to main content

Emilio Pérez Touriño preside a entrega dos Premios Galicia Comunicación 2005

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, preside a entrega dos Premios Galicia Comunicación 2005, dotados con máis de 6.000 euros para cada unha das seis categorías. Os tres xurados estiveron formados por directores de medios impresos, radios, axencias de noticias e decanos, ademais de membros da Administración.

O xurado dos premios deu a coñecer o fallo o pasado 19 de decembro nas seis categorías correspondentes. En primeiro lugar, o galardón á Mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos foi concedido á Asociación Ponte nas Ondas polo seu programa Ponte nas Ondas.

A iniciativa Ponte nas Ondas xorde no ano 1995, coincidindo coa inauguración da Ponte Internacional entre Salvaterra do Miño e Monçao. Pretende que os alumnos e alumnas participantes coordinados polos profesores colaboradores, elaboren ao longo do curso escolar cadanseus programas, que despois son emitidos dende varios estudios durante toda unha xornada de radio. Participan na iniciativa máis de corenta escolas de Galicia e norte de Portugal.

Ponte nas Ondas xorde coa pretensión de constituirse nunha ponte de comunicación internacional entre os profesionais e adolescentes das dúas beiras do Miño e doutras fronteiras. Pretenden, ademais, a sensibilización e concienciación do alumnado respecto aos valores de solidariedade, participación, comunicación e conservación do patrimonio.

O segundo dos galardóns, ao Mellor labor de comunicación en medios impresos, outorgóuselle a Ramón Luís Acuña Sánchez, pola súa inxente actividade no xornalismo enfocado á política internacional. Luis Acuña é xornalista e escritor, colaborador de numerosos medios de comunicación como Diario 16, La Región, Atlántico, La Voz de Galicia e Le Monde Diplomatique, entre outros. Tamén foi redactor xefe do ABC, delegado da axencia Efe en París e director de El Correo Gallego.

A categoría de Mellor premio labor de comunicación de xornalismo gráfico en medios impresos foi fallado a favor de Guillermo Cameselle, fotoxornalista do Faro de Vigo, pola súa intensa e brillante traxectoria profesional.

O premio ao Mellor labor de comunicación en medios radiofónicos foi concedido a RNE-Galicia pola recuperación das emisións en galego e por Radio 5 Todo Noticias.

O penúltimo dos galardóns, ao Mellor labor de comunicación en televisión, recaeu na Editorial Compostela S.A., pola serie de ficción Libro de Familia, producida pola Televisión de Galicia. No seu decidido apoio ao sector audiovisual galego a Televisión de Galicia puxo en antena unha teleserie de época que conta a historia de tres familias galegas de distinta procedencia social, ubicadas en Santalla, unha vila do rural galego dos anos 60. A través das tres sagas, nárrase a historia dun país que en pouco máis de trinta anos pasou do arado romano a antena parabólica.

O sexto e último dos premios, á Mellor empresa ou institución que destaca por un singular esforzo no campo da comunicación, foi concedido á Universidade de Santiago, polo seu proxecto de Xornal Dixital, pioneiro en Europa e que tivo unha grande acollida entre os estudantes. O xornal dixital da Universidade está inserto na páxina de inicio da web da Universidade e recibiu unha media de 364.660 visitas mensuais durante o ano 2005. Este proxecto da USC foi o primeiro xornal dixital de carácter diario das universidades españolas e un dos primeiros das universidades europeas.

O acto, ao que tamén acudirá o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, e distintos membros do Goberno galego, ten lugar no Hostal dos Reis Católicos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia