Skip to main content

Fernando Salgado asegura que publicidade e lingua aliméntanse mutuamente e defende o uso do galego para potenciar non só o idioma, senón a creatividade do país

O secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado, asegurou que “publicidade e lingua aliméntanse mutuamente” e apostou polo uso do galego nos anuncios para potenciar “non só o idioma galego” senón a “creatividade do país”. Salgado fixo estas declaracións na XII edición dos premios de Publicidade en Galego, celebrada esta noite en Santiago.

“O idioma galego conseguiu abrirse camiño no campo da publicidade e está a converterse nun referente para os creadores dos anuncios”, asegurou Salgado. Así mesmo, puxo de manifesto que “a publicidade orixinal e ben ideada é unha das formas máis modernas, non só de transmitir a cultura da nosa sociedade, senón tamén de captar a atención da xente”.

Na súa intervención, destacou que arredor da publicidade “xermola toda unha cultura propia que se está a integrar nas tecnoloxías máis modernas e nas novas canles de comunicación como é o caso de Internet”. O secretario xeral apostou por “promover o uso do galego” aproveitando “as oportunidades que nos brinda a economía do coñecemento”. “Non podemos desperdiciar a oportunidade que as novas tecnoloxías nos brindan para que a nosa lingua sexa coñecida e, por qué non, descuberta por moitos navegantes da rede informática mundial”, advertiu Salgado.

Ao mesmo tempo, indicou que a “publicidade en galego” é na actualidade unha “exitosa estratexia de moitas empresas”, o que demostra que se trata “dun investimento que facilita a penetración dos seus produtos nunha máis ampla rede de mercados”. Segundo explicou o secretario xeral de Comunicación, “hai xa tempo” que as empresas multinacionais teñen na publicidade “un atranco” nos seus intentos de homoxeneizar as súas actuacións en diversos mercados polo que teñen que adaptar os seus produtos e as súas accións publicitarias ás características sociais e culturais de cada país ou rexión.

Para Fernando Salgado, trátase dunha “dura pugna entre a diversidade e a tendencia homoxeneizadora”, da “resistencia das culturas singulares a seren engulidas pola globalización que uniformiza usos, costumes, modas e hábitos”. Lembrou que “ata non hai moito tempo, a publicidade que utilizaba o noso idioma como vehículo de transmisión semellaba algo exótico” pero remarcou que “asumimos de contado o compromiso de darlle novos usos ao idioma milenario”, sobre todo “nun eido fundamental da sociedade actual como é o da publicidade”.

O titular da Secretaría de Comunicación da Xunta de Galicia congratulouse pola “consolidación” desta iniciativa dos premios de publicidade en galego e felicitou aos seus organizadores e aos premiados nesta edición.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia