Skip to main content

O presidente da Xunta demándalle aos medios de comunicación un compromiso firme e decidido na construción dunha Galicia máis próspera e máis moderna

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, fixo un chamamento aos medios de comunicación galegos para que adquiran o “firme” compromiso de traballar polo interese da Comunidade galega. “Á hora de cumpriren a súa decisiva función social, eu pídolles aos comunicadores que, no libre exercicio da súa profesión, centren o seu interese en Galicia. Que os galegos e galegas, coas súas xustas aspiracións de mellora económica e benestar social, e coa súa fame de futuro, se convertan no eixo da súa actuación. Que amplifiquen a voz propia, específica, do noso país e difundan os seus valores históricos e culturais. Que subliñen as iniciativas dos nosos emprendedores e o esforzo dos nosos traballadores”.

Así o indicou Emilio Pérez Touriño, durante o acto de entrega dos Premios Galicia de Comunicación 2005, que se celebrou esta noite no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, e no que foron galardoados a iniciativa Ponte nas Ondas; o xornalista Ramón Luís Acuña; o fotoxornalista Guillermo Cameselle; Radio Nacional de España; a serie de ficción Libro de Familia; e o proxecto Xornal Dixital.

Na súa intervención, o presidente da Xunta explicou que non se trata de que os medios de comunicación sexan “compracentes ou dóciles co poder”, senón que o que lles está a demandar é “un compromiso firme e decidido na construción dunha Galicia máis próspera e máis moderna, orgullosa do seu pasado, defensora dos seus sinais de identidade e con vocación de universalidade. Unha Galicia –engadiu- que ocupe un lugar destacado entre as comunidades máis avanzadas de España e de Europa”.

Exemplos claros de compromiso co país

Neste sentido, Emilio Pérez Touriño indicou que os galardoados hoxe cos Premios Galicia de Comunicación son “seis claros exemplos de compromiso co seu país”, persoas e proxectos que foron escollidos por varios xurados independentes, integrados por responsables dos medios de comunicación e do mundo universitario, e que constitúen “modelos a seguir en diversos ámbitos da comunicación”.

Deste xeito, o titular do Goberno galego felicitou á asociación Pontes nas Ondas, que foi recoñecida como Mellor Iniciativa no campo da comunicación en medios informativos, unha asociación “empeñada –segundo subliñou Touriño- en achegar os segredos da radio aos centros escolares”. Trátase dunha iniciativa que xorde no ano 1995, coincidindo coa inauguración da Ponte Internacional entre Salvaterra do Miño e Monçao que pretende que os alumnos e alumnas participantes, coordinados polos profesores colaboradores, elaboren ao longo do curso escolar cadanseus programas, que despois son emitidos desde varios estudos durante toda unha xornada de radio. Participan nesta iniciativa máis de corenta escolas de Galicia e norte de Portugal.

De Ramón Luís Acuña, galardoado co premio ao Mellor labor de comunicación en medios impresos pola súa inxente actividade no xornalismo enfocado á política internacional, Emilio Pérez Touriño destacou a súa “traxectoria exemplar e modelo de xornalistas, que exportou a Galicia e lle abriu as portas de grandes mandatarios estranxeiros”.

A categoría de Mellor premio labor de comunicación de xornalismo gráfico en medios impresos foi fallado a favor de Guillermo Cameselle, fotoxornalista do Faro de Vigo, pola súa intensa e brillante traxectoria profesional. Del, Emilio Pérez Touriño lembrou que foi quen de fixar “unha parte substancial da nosa convivencia na retina da súa cámara”.

Radio Nacional de España-Galicia foi recoñecida co premio ao Mellor labor de comunicación en medios radiofónicos, polas súas emisións de Radio 5 en galego, coas que, segundo sinalou o máximo mandatario autonómico, contribuíu “á defensa e normalización da nosa lingua”.

O Mellor labor de comunicación en televisión recaeu na Editorial Compostela S.A., pola serie de ficción Libro de Familia, producida pola Televisión de Galicia. No seu decidido apoio ao sector audiovisual galego a Televisión de Galicia puxo en antena unha teleserie de época que conta a historia de tres familias galegas de distinta procedencia social, situadas en Santalla, unha vila do rural galego dos anos 60. Desta iniciativa, Emilio Pérez Touriño quixo destacar que se trata dunha produción “dirixida integramente por mulleres” e que nos permite rescatar “do faiado do oído as estampas da nova historia máis recente”.

O sexto e último dos premios, á Mellor empresa ou institución que destaca por un singular esforzo no campo da comunicación, foi concedido á Universidade de Santiago de Compostela, polo seu proxecto de Xornal Dixital, pioneiro en Europa e que tivo unha grande acollida entre os estudantes, unha iniciativa que, a xuízo do presidente da Xunta, constitúe “unha excelente mostra das oportunidades que nos abren as novas tecnoloxías”.

Felicitación a todos os medios galegos

O titular do Goberno autonómico non quixo rematar a súa intervención sen referirse ao panorama comunicativo galego, indicando que “a comunicación goza en Galicia de boa saúde” e os medios galegos “están en disposición de afrontar múltiples desafíos que se lle presentan ao noso país”.

Emilio Pérez Touriño quixo facer extensiva a súa felicitación ao conxunto dos medios galegos que “afían as armas, tecnolóxicas e de recursos humanos, para faceren fronte aos retos que representa unha crecente competencia e un público a cada paso máis esixente e crítico”.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia