Skip to main content

Akbar Ganji, o Consell de L'Audiovisual de Catalunya (CAC), Javier Bauluz, Le Monde Diplomatique e Robert Fisk optan ó II Premio José Couso

Proclamáronse as candidaturas para a II Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Este ano optan ó galardón o xornalista iraní Akbar Ganji, o Consell de l’Audiovisual de Catalunya (CAC), o fotoxornalista Javier Bauluz, o xornal Le Monde Diplomatique, e o xornalista Robert Fisk. Ademais, dende hoxe ábrese o prazo de votación para elexir ó gañador, que se dará a coñecer o 3 de maio, coincidindo co Día Mundial da Liberdade de Prensa.

O xornalista iraní Akbar Ganji foi condenado polo seu labor a prol da liberdade de prensa e de resistencia á represión no seu país, onde permanece recluído na cárcere de Evine; o Consell de l’Audiovisual de Catalunya (CAC) é o organismo encargado de velar polo dereito do cidadán a recibir información plural e veraz; Javier Bauluz realiza o seu labor como fotoxornalista dende hai máis de vinte anos, tempo no que estivo a loitar por un mundo máis xusto amosando as peores desgrazas que nel ocorren, captadas coa súa cámara fotográfica; o xornal Le Monde Diplomatique, cuxa edición española acaba de cumprir os dez anos de existencia, dedicase a facer un xornalismo rigoroso e independente das presións políticas e económicas; o xornalista británico de 'The Independent', Robert Fisk, é correspondente en conflictos bélicos en Oriente Medio e avoga por un xornalismo que sirva de vixiante do poder.

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e todos os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá quen será o gañador. Desde hoxe, 23 de febreiro de 2006, poden emitir os seus votos por correo ordinario, que serán admitidos ata o día 3 de abril de 2006 (data de franqueo de correos). A continuación abrirase o prazo para a emisión de votos por internet, o 20 de marzo de 2006, mediante a páxina web do certame, www.xornalistas.com/couso. As persoas que emitan o seu voto por correo ordinario fican automaticamente excluídas do voto por correo electrónico. Este péchase o 21 de abril de 2006.

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa o 3 de maio, Día Mundial da Liberdade de Prensa. Este recibirá como galardón a escultura Ás Ceibes, creada por Manuel Patinha especialmente para o premio, nunha cea que se celebrará no mes de maio en Ferrol.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. Caixanova, sensible ó desenvolvemento do exercicio profesional dos xornalistas, ofreceu dende o primeiro momento o seu apoio decidido para materializar a iniciativa.

José Couso foi disparado o 8 de abril de 2003 mentres realizaba o seu traballo para os informativos de Tele5. No mesmo ataque faleceu o tamén cámara ucraniano Taras Protsyuk. Os organizadores queren personalizar na figura de Couso a todos aqueles xornalistas, galegos ou non, que cada ano son asasinados, maltratados ou privados dos seus dereitos como persoas e como informadores.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia