Skip to main content

A Mesa recórdalle a RTVE que “ser servizo público implica garantir o plurilingüismo”

Perante o anuncio realizado onte pola Directora de RTVE e polo presidente da SEPI, A Mesa pola Normalización Lingüística recorda que “as emisións nas linguas cooficiais do Estado, entre elas o galego, son parte fundamental do servizo público de RNE e TVE” e, polo tanto, non poden ser eliminadas como algo superfluo ou desnecesario, tal e como se propón.

Segundo o Presidente desta organización, Carlos Callón, “deberían explicar se só se considera servizo público emitir documentarios sobre animaliños nas sobremesas de TVE2 ou se se pasarán a adxectivar así os programas rosas como Corazón de invierno e Corazón Corazón ou os de sucesos como Gente”.

Carlos Callón cualifica a Carmen Caffarel de “demagóxica” por soster que as desconexións territoriais se deben reducir porque non fai sentido competir coas televisións autonómicas”. “Se seguimos o seu disparatado argumento, TVE debería deixar de emitir en Galiza.” Ademais, o dirixente da Mesa recorda que “nin en Radio4 en Galiza cando existiu nin agora en Radio5 se dan os problemas de audiencia que sinalan para Cataluña e, porén, aquí practícanse os recortes con maior rapidez”. Tras a “sarta de mentiras que Caffarel repite ano tras ano sobre as emisións en lingua galega en RNE e TVE”, o Presidente da Mesa envioulle unha carta para lle pedir que “deixe de tomar aos galegos por parvos” e que “non nos faga pagar os pratos rotos da súa má xestión”.

A Mesa pídelle tamén ao Goberno galego que “reaccione perante esta decisión política do Goberno do Estado” e recórdalle que “a recuperación de Radio 4 está no acordo PSdG-BNG, ademais de no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega”. Ademais, esta entidade vaille propor aos partidos políticos con representación parlamentar que no novo Estatuto de Galiza se inclúa un artigo que sinale o galego como “lingua preferente dos medios de comunicación públicos en Galiza”, implicando tamén a RTVE.

A Mesa pola Normalización Lingüística continuará coa súa campaña para reclamar que RTVE deixe de discriminar o galego, unha acción que ten como eixo argumental a contradición entre os contratos multimillionarios de RTVE (sublíñanse os 6 millóns de euros para o espazo fallido de Pepe Navarro) co “cutrerío” perante a posibilidade de facer unha televisión e unha radio de calidade que respecten os pluralismos existentes no Estado español, como é o lingüístico.
A Mesa pola Normalización Lingüística