Skip to main content

Touriño manifesta a firme vontade do Goberno de contribuír a que os medios de comunicación reflictan a imaxe dun país disposto a desenvolver as súas potencialidades

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, manifestou a firme vontade do Goberno galego de contribuír a que os medios de comunicación asentados no país se convertan “nun referente de calidade e rigor” e nunha “verdadeira canle de acceso ás informacións máis próximas” que preocupan á cidadanía galega, así como “nun espello que reflicta a imaxe dun país disposto a desenvolver as súas potencialidades” para mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

Na súa intervención durante a inauguración da sede de Radio Vigo Grupo de Comunicación, o máximo mandatario de Galicia sinalou que os medios informativos xogaron e seguen a xogar un papel “fundamental” na sociedade. Así, se na Transición se erixiron en “actores políticos claves” e exerceron un rol vital “para configurar no noso país un sistema de liberdades públicas”, hoxe enfróntanse a “retos considerables, como a consolidación de internet como gran fiestra de acceso á información”. Este contexto, abundou o presidente, obriga aos medios audiovisuais a “ser competitivos” e “ser capaces de garantir unha opinión pública democrática e impulsar o debate e o pluralismo con imparcialidade”.

A esa función non son alleos os medios que exercen o seu labor no eido local, pois segundo explicou o xefe do Executivo galego, exercen como “factores de cohesión social e de identidade colectiva” especialmente no mundo globalizado actual, “no que se dilúen as fronteiras” e se acentúa “unha clara tendencia á uniformidade cultural”.

Factor de dinamización cultural

Para Emilio Pérez Touriño, os medios locais e rexionais son actores importantes na “dinamización cultural” e no “fomento da participación cidadá” dado que transmiten a realidade inmediata aos cidadáns de Galicia. Nese senso, o presidente manifestou que a comunidade conta cun “sólido sistema de medios de comunicación” e amosouse confiado en que a “profesionalidade” dos seus traballadores permitirá “que desapareza definitivamente a estereotipada imaxe da Galicia profunda” de xeito que esta sexa substituída “pola dunha Galicia profundamente galega, pero tamén aberta, cosmopolita, situada plenamente no século XXI”.

Para logralo, o presidente manifestou a “firme vontade” do Goberno que preside de contribuír a que os medios de comunicación asentados no país “se convertan nun referente de calidade e rigor, nunha verdadeira canle de acceso ás informacións máis próximas que preocupan á cidadanía galega e nun espello que reflicta a imaxe dun país disposto a desenvolver as súas potencialidades para mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns”.

Finalmente, o máximo mandatario galego gabou a traxectoria de Radio Vigo Grupo de Comunicación, unha empresa que, segundo salientou “ten moito que achegar ao enriquecemento do mundo da comunicación en Galicia” es especialmente de Vigo, “unha cidade que está chamada a ser o motor económico da Galicia do século XXI.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia