Skip to main content

O director xeral de Comunicación Audiovisual inaugura dous telecentros dentro do programa Cidades Dixitais de Galicia

O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, inaugurou dous telecentros como actuacións comprendidas dentro do proxecto Vilas Dixitais do que forman parte, entre outros, os concellos das Pontes e Vilalba. A Comisión Mixta de Control e Seguimento do Programa Cidades Dixitais de Galicia da que forma parte Fernández Iglesias visitou as Pontes e Vilalba para comprobar “in situ” o estado e evolución dos distintos proxectos e actuacións comprendidas dentro do programa Cidades Dixitais.

Esta Comisión Mixta, formada por representantes do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, da Delegación do Goberno en Galicia, da Administración galega, así como por representantes dos Concellos implicados, reúnese unha vez ao ano para planificar e revisar as actividades programadas e os indicadores de evolución dentro do convenio de colaboración asinado para o desenvolvemento do programa, sendo esta a primeira vez que visitan Galicia dende que se iniciara o proxecto, no ano 2004.

Con motivo desta visita, o director xeral de Comunicación Audiovisual inaugurou a actuación de Vilas Dixitais no Telecentro de Santaballa mediante unha demostración de uso do telecentro. De seguido Fernández Iglesias trasladouse ao telecentro de Somede nas Pontes no que tamén se fixo unha demostración do seu uso, así como das actuacións de dixitalización dos medios de comunicación municipais.

Todas estas actuacións levadas a cabo en Vilalba e As Pontes, que rematan neste ano 2006, ascenden a 978.225 euros de orzamento, dos que foron financiadas polo Ministerio un 33 por cento (325.728 euros), a Secretaría Xeral de Comunicación o 13 por cento ( 126.766 euros), case 200.000 euros polos dous concellos implicados, así como unha importante achega de empresas e operadores de telecomunicacións (325.731 euros).

Programa Cidades Dixitais en Galicia

A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta, na que reside a Oficina Técnica do proxecto, coordina e dirixe o desenvolvemento e implantación do programa Cidades Dixitais en Galicia, no que participan ademais diversas Consellerías, os concellos nos que se realizarán as actuacións do programa, así como outras empresas privadas e operadores de telecomunicación.

Cidades Dixitais é un programa de telecomunicacións cun horizonte temporal que abarca os anos 2004 a 2007, e ten por obxectivo a promoción e implantación da sociedade da información nun entorno local, incluíndo temas como teleadministración, comercio/negocio electrónico, teletraballo, teleformación, telemedicina, xestión de servicios de uso público, aplicacións para colectivos con requirimentos especiais, cultura, turismo e ocio, etc.

Galicia presentou un proxecto no que as actuacións principais se realizaban no Concello de A Estrada (Programa A Estrada Dixital), con actuacións complementarias nos Concellos de Vilalba e As Pontes (programa Vilas Dixitais). Nunha segunda fase, iniciada o 25 de novembro de 2005 en A Toxa, incorporáronse os proxectos Lugo Dixital e Vigo Dixital, mediante unha ampliación do convenio.

Os destinatarios deste proxecto son todos os cidadáns (no seu entorno doméstico, residencial e laboral), empresas e institucións dos citados concellos de A Estrada, Vilalba, As Pontes de García Rodríguez, Lugo e Vigo.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia