Skip to main content

Catro productoras de Agapi, Anxo Fernández Producciones, Lúa Films, Director Producciones e Saga Tv, participan no Mercado Audiovisual EnFilm de Bos Aires

As catro socias de AGAPI desenvolven en Bos Aires unha serie de reunións para pechar acordos de coprodución, de vendas e de distribución das súas películas na outra beira do Atlántico e viceversa. O mercado Enifilm tense celebrado dende o ano 2002, e nel participarán produtoras de países como España, Francia, Italia, Bélxica, Inglaterra, Finlandia, Hungría, Arxentina, Brasil, Chile México, Perú ou Venezuela.

O interese de AGAPI e das súas produtoras por Arxentina faise patente nesta iniciativa das súas socias e tamén na participación de AGAPI na feira GALICIAune en Bos Aires hai menos dun mes. Daquela a Presidenta da asociación, Dolores Ben Pena, formou parte da misión empresarial que levou ao Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ata a capital arxentina.

As catro produtoras que viaxarán a Bos Aires recibiron un premio ou estiveron nominadas na última edición dos Mestre Mateo. Precisamente, Anxo Fernández Producciones acadou o galardón á mellor longametraxe documental por “O país de non-me-lembro”, unha peza sobre os últimos 50 anos da historia arxentina. Outra das produtoras, Directo Producciones tamén recibiu o premio ao mellor documental polo seu traballo “As voces do Prestige”. Lúa Films gañou un Mestre Mateo polo seu traballo publicitario “Caixanova, onde nacen as ideas”, en colaboración con I.A.C.E.; e ,en derradeiro lugar, a cuarta produtora que viaxará a Bos Aires, Saga TV, contou con tres nominacións aos Mestre Mateo, unha delas polo seu documental “En son de paz” , premiado no III Festival Internacional de Cine e Dereitos Humanos.

AGAPI é a asociación máis lonxeva do sector audiovisual galego xa que comezou a súa actividade en decembro de 1994. Dende aquela data, a asociación traballa a prol da promoción e defensa do sector audiovisual galego. AGAPI forma parte de FAPAE (Federación de Asociacións de Produción de España) e mantén un estreito contacto con EGEDA (Entidade de Xestión de Dereitos Audiovisuais dos Produtores Españois).



Mercedes Fernández (Gabinete de Prensa de Agapi)