Skip to main content

Fabiola Sotelo reivindicou o compromiso da sociedade e dos medios na erradicación da desigualdade social na inauguración das Xornadas de Cooperación e Comunicación Social

A Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reivindicou unha actitude máis comprometida da sociedade e dos medios de comunicación na erradicación da desigualdade social e das causas da pobreza na súa intervención no acto de inauguración das I Xornadas de Cooperación e Comunicación Social. Neste acto, presidido polo Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, tamén participaron a Secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Leire Pajín, e mailo secretario de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernado Salgado.

Fabiola Sotelo sinalou os medios informativos como “unha das ferramentas máis valiosas” para acadar esta meta, cualifincándoos de “instrumentos fundamentais para dar voz aos sen voz, para achegarnos á verdadeira situación de necesidade na que se atopa a maioría da poboación mundial”.

A directora xeral de Cooperación Exterior manifestou o compromiso do Goberno galego coa erradicación da pobreza e as súas causas. “Xa anunciamos a nosa decisión de incrementar os investimentos para esta finalidade ata acadar o 0,4% dos Orzamentos galegos na final desta mesma lexislatura”, remarcou.

Neste contexto, tamén fixo referencia ao Plan Director da Cooperación Galega ao Desenvolvemento 2006-2009 ao que cualificou como “paso histórico” e como itinerario para “sinalar os obxectivos estratéxicos” da acción do Goberno galego neste eido. “Este plan aposta por unha política activa e integral de coñecemento das desigualdades no mundo, orientada á súa superación” e “rexeita o asistencialismo”.

Finalmente, Sotelo amosouse convencida de que este encontro vai chamar a atención “sobre o poder dos medios de comunicación na loita contra as causas do subdesenvolvemento e a desigualdade social”.

A USC como actor de cooperación

O Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, encargado de presidir o acto de inauguración das xornadas, salientou o compromiso desa institución no ámbito da cooperación e voluntariado. Explicou que esta actividade lévase a cabo a través da súa Oficina do Voluntariado e da propia cooperación institucional. Neste último campo, manifestou o éxito de iniciativas como a Declaración de Compostela, asinada en febreiro de 200 por máis de 200 universidades do espazo iberoamericano, como “ferramenta para achegármonos ao desenvolvemento integral das nosas sociedades”, mediante programas de formación en educación social, desenvolvemento sustentable, valores democráticos e responsabilidade comunitaria e internacional.

Segundo explicou Barro, esta declaración consta de doce puntos, tres dos cales fan referencia aos valores da Cooperación, a solidariedade e o compromiso de educación superior a favor do desenvolvemento.

Importancia da labor dos comunicadores

O secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado, instou aos asistentes a reflexionar e enfocar as xornadas no marco da globalización. Na súa opinión, trátase dun tema “apaixonante, complexo e poliédrico”. No seu discurso, partiu da idea de que tanto a televisión como Internet convértennos en “nómadas de salón e de mando a distancia” e permiten achegarnos ós puntos xeográficos máis afastados do mundo.

Sen embargo, non acadamos unha verdadeira proximidade coa realidade dos países máis desfavorecidos e non da lugar a crear espazos para a paz, como poderíamos agardar. “Poderíase pensar que ao coñecernos mellor nacería a comprensión da diferenza, a cooperación entre as persoas, pero a situación non pode considerarse positiva”, explicou. Salgado engadiu que “algo moi serio falla na maquinaria do sistema”.

Na súa intervención, o secretario de Comunicación destacou o “deber de aproveitar” estes aspectos positivos da globalización para coñecernos mellor e superar as diferenzas en termos de desenvolvemento. Tamén destacou “o papel fundamental” que neste senso exercen os comunicadores para trasladar á sociedade a necesidade dunha cooperación no desenvolvemento.

Estas xornadas desenvolveranse ata o vindeiro venres coa participación de destacados especialistas en cooperación ao desenvolvemento e xornalismo. Na xornada de mañá participarán a profesora de Relacións Internacionais na Facultade de Ciencias Políticas da USC, Irene Rodríguez Manzano; o secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Santiago Gómez-Reino; o coordinador da Oficiña do Voluntariado da USC, Javier Agrafojo, entre outros. Os relatorios celebraranse no Auditorio da Facultade de Xornalismo de Santiago de Compostela.

Leire Pajín destaca o papel de Galicia na loita contra a pobreza

A secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Leire Pajín, destacou o papel de Galicia na loita contra a pobreza. Pajín participou en Santiago no acto de apertura das Xornadas de Cooperación e Comunicación Social cun relatorio sobre Os retos da Cooperación en España.

Leire Pajín sinalou que “Galicia ten espazo para medrar máis cualitativa e cuantitativamente” e amosou a vontade do Executivo central de “traballar en áreas nas que esta comunidade ten un valor importante, como a pesca ou o turismo”, aproveitando e compartindo estes coñecementos con países menos desenvolvidos.

Así mesmo, destacou que atopara no Executivo galego, especialmente na persoa do seu presidente, Emilio Pérez Touriño, “un compromiso firme de cooperación para converter á comunidade galega nun referente de solidariedade”. A secretaria de Estado de Cooperación Internacional mantivo esta mañá un encontro co máximo mandatario galego na área de Goberno do Parlamento autonómico.

Na súa intervención, Leire Pajín destacou que Galicia ten espazo para medrar a necesidade de colaboración entre comunidades autónomas, concellos, empresas e sociedade civil en xeral de cara a conseguir un mundo máis xusto e solidario. Declarou o compromiso do Goberno central con este asunto, que considera “unha prioridade da axenda política, á que se dedica unha importante partida do orzamento”.

A secretaria de Estado recalcou que a “convición primeira do Goberno, para calquera goberno dun país desenvolvido, é inaceptable o nivel de pobreza no mundo e, igualmente, a situación das mulleres en moitos recunchos do planeta”. “O Estado ten unha obriga ética para reverter esta situación”, puntualizou. Apuntou ademais que “todas as violencias contra as mulleres deben ser criminalizadas e consideradas como asuntos de Estado” sendo preciso que o noso país implemente “estratexias sectoriais e transversais” na súa acción en favor deste sector sistematicamente marxinado.

Lembrou que a metade da poboación mundial vive na pobreza, aínda que certamente é posíbel reverter esta situación xa que “somos a primeira xeración que ten os recursos materiais e humanos suficientes para acabar coas desigualdades no mundo”. Insistiu que, “tendo a oportunidade, os diagnósticos, e os camiños para solventar a situación, resto só vontade política para non desaproveitalos”.

Destacou tamén a necesidade de integrar e coordinar, non só aos diversos países mais tamén, e sobre todo, á cidadanía e aos seus representantes a nivel local, rexional e Estatal, para o cal teñen un papel clave os medios de comunicación. Por este motivo, gabou iniciativas como as presentes Xornadas, pois son ferramentas clave á hora de concienciar á poboación para que demande e participe en políticas de cooperación e solidariedade.

Sendo que o 84% dos cidadáns españois son favorábeis ás iniciativas de cooperación para o desenvolvemento de raíz estatal, cuestionouse sobre o que pode e debe facer España no campo internacional. O obxectivo que se plantexa é, nas súas palabras “colocar no corazón do goberno a loita contra a pobreza” incrementando de forma sostible as axudas para este fin, estando xa os planos na mesa.

Neste sentido, informou que o Goberno central pretende duplicar as súas contribucións no sector da cooperación nos países máis desfavorecidos, para o que solicita o compromiso de todas as institucións públicas e privadas. Preténdese así –dixo- sentar as bases para unha nova política de cooperación que “coloque a España no lugar que lle corresponde dentro do plano internacional”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia