Skip to main content

Inauguración dos cursos Cartoon Master Future en Vigo (20-22 abril)

O xoves 20 de abril, ás 9.15 horas, inaugúrase no Centro Social Caixanova en Vigo a IV edición dos cursos especializados “Cartoon Master Future” nos que 123 participantes de 14 nacionalidades diferentes debaterán o futuro da animación e dos novos medios dixitais. O acto estará presidido polo Director Xeral de Comunicación e Audiovisual da Xunta de Galicia, Manuel J. Fernández Iglesias; a Directora Xeral de Cartoon, Corine Jenart; o director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea e o Director do Centro Galego de Artes da Imaxe, José Luis Cabo.

Estas xornadas están organizadas pola Asociación Europea de Animación Cartoon e o Programa MEDIA da Unión Europea en colaboración coa Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e do Centro Galego de Artes da Imaxe e a Obra Social Caixanova.

O “Cartoon Master Future” de Vigo centra a súa análise nos retos da globalización da imaxe dixital e, durante tres días, será punto de encontro e intercambio de experiencias por parte de diferentes profesionais de avalado prestixio internacional.

As xornadas estruturaranse en torno a tres eixes: a produción en Alta Definición, a televisión do futuro e os últimos avances en efectos visuais. Especialistas nestas tres áreas repasarán os revolucionarios cambios tecnolóxicos que abren múltiples posibilidades de difusión e consumo de contidos, modificando os sistemas de produción establecidos até agora e introducindo novos axentes que amplían as posibilidades de mercado. O programa, ademais de afondar nos anunciados cambios tecnolóxicos da Alta Definición, examina a entrada de novos operadores nos mercados emerxentes da televisión e das plataformas móbiles.

Como en cada edición, o “Cartoon Master Future” permitirá coñecer os últimos avances tecnolóxicos no campo da imaxe de síntese grazas aos relatorios dos representantes dos principais estudos europeos e americanos de efectos visuais, como Digital Domain, Rhythm & Hues, Double Negative e Ranchito, responsables de traballos como Las crónicas de Narnia, Harry Potter, Batman Begins… ao mesmo tempo que se analizarán algúns programas como “Shave and a Haircut” —empregado en películas como King Kong, Underworld 2 ou X-Men 2— e “SyFlex”, simulador nominado aos Oscars na categoría técnica.

O programa complementarase con presentacións de Sony, empresa líder mundial en entretemento dixital, deseñador e editor de contidos e equipamentos de alta tecnoloxía, ademais de proxeccións de curtametraxes 3D e de Renaissance, unha longametraxe futurista de animación rodada en branco e negro, producida polo estudo francés Attitude Studio.

O xoves 20 ás 9.30 horas, tras o acto de apertura, Olivier Milliès-Lacroix, Director comercial de Eutelsat (o maior operador de satélites de Europa) abrirá as xornadas cunha conferencia inaugural sobre o futuro da Alta Definición.

Este máster englóbase dentro do programa de promoción e formación do audiovisual deseñado pola Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual. Este curso especializado sitúa a Galicia no calendario de eventos formativos de alto nivel internacional.
Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) - Xunta de Galicia