Skip to main content

A TVG porá en antena o programa A casa de 1906

Televisión de Galicia estrea, despois do verán, o primeiro programa de telerrealidade documental que, baixo o título de “A Casa de 1906”, está baseado nun exitoso formato da canle británica “Channel 4”.

Para este proxecto, co que se persegue o entretemento e a divulgación cultural e
histórica, a canle autonómica conta coas produtoras galegas Continental e Filmanova e co patrocinio de Cabreiroá.

A mecánica do programa consiste en facer que dúas familias galegas se transladen,
durante sete semanas, ao ano 1906, para vivir durante ese tempo coas condicións daquela época. Trátase dunha experiencia vital e enriquecedora que reproduce as condicións de vida de hai cen anos.

O programa, que se emitirá no terceiro trimestre do ano, está a espertar gran
expectación entre as familias galegas que xa comezaron a dirixirse ás produtoras para saber como poden participar. Dado que a gravación terá lugar durante os meses de vacacións estivais, son moitas as familias que se achegan para dun xeito orixinal e singular, pasar un verán distinto. Sen luz eléctrica, sen auga corrente nin TV, sen playstation ou ipod... un mundo novo cheo de aventuras ábrese para os afortunados que resulten seleccionados para participar.

A Casa de 1906, conta co patrocinio de Augas de Cabreiroá que este ano celebra
o seu centenario. O espectador poderá observar, comprender e valorar as diferencias entre vivir no cómodo 2006 e o lonxano 1906.

O mes de xullo comeza a gravación deste espazo, que a TVG emitirá como pioneira en España deste formato que xa colleitou numerosos éxitos tanto en Gran Bretaña como en Estados Unidos.
CRTVG + Filmanova