Skip to main content

Comunicado do CPXG con motivo do día da Liberdade de Prensa

Nunha sociedade democrática a información ten que estar ó servizo da cidadanía, por enriba de calquera outro interese, pero isto raramente ocorre. A información ten donos e a difusión da mesma está sometida a factores que raramente coinciden coa lóxica da democracia.

O dereito á información é unha conquista histórica recente que deixou e segue deixando moitas vítimas polo camiño. Pero, sen dereito á información, tódolos demais dereitos básicos dunha persoa quedan eivados. Sendo unha cuestión crucial para a vida democrática, pero tamén para a economía e para o vigor social, cultural e educativo dun país, é prioritario que en Galicia se senten as bases políticas para a consolidación dun espazo galego da información e da comunicación, tanto desde o punto de vista das infraestruturas como dos contidos. Ese espazo da información e da comunicación será galego se nos permite ver o mundo cos nosos propios ollos e á vez nos ofrece unha visión universal para poder entendelo razoadamente, no noso idioma, desde a óptica da nosa ética e dos nosos intereses individuais e colectivos.

Para a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é imprescindible que este país conte cunha rede de medios de comunicación propios, públicos e privados, nos que os galegos aparezamos como actores protagonistas e responsables da nosa historia. Para conseguilo é necesario desgobernamentalizar os medios públicos galegos; as subvencións ós medios privados deben ter utilidade pública e rexerse por criterios de obxectividade e transparencia. Para que ese espazo sexa galego, debe comunicar no noso idioma. Por último é imprescindible que os xornalistas poidamos desenvolver a nosa profesión nunhas condición laborais dignas.
Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)