Skip to main content

Ponte...nas Ondas! reúne o venres 26 de maio a 25.000 alumnos na súa XII edición

Baixo o título “Os sons da Ponte” este venres celébrase a décimo segunda edición de Ponte...nas Ondas!. Cincuenta e tres centros educativos de tres continentes, América, África e Europa, participarán nesta xornada de radio interescolar na que involucrarán 25 mil alumnos de primaria, secundaria, e universitarios.

A xornada foi presentada no edificio da Área Panorámica en Tui, onde o venres 26 de maio se sitúa o centro neurálxico de Ponte...nas Ondas!, xa que o seu Teatro alberga este programa radiofónico, e brinda a oportunidade de asistir ao mesmo a escolares e público en xeral. A presentación correu a cargo de Moisés Rodríguez, Concelleiro de Cultura de Tui, Santiago Veloso, Xerardo Feijoo, e Lourdes Carita da Asociación Ponte...nas Ondas! e Jose Font director da Radio Municipal de Tui.

Esta experiencia naceu en 1995 coincidindo coa apertura da Ponte Internacional entre Salvaterra e Monçao, segundo recordaba Xerardo Feijoo, Secretario de Ponte...nas Ondas!, indicando que “se fixo outra ponte virtual que uniu aos alumnos galegos e aos portugueses” co obxectivo de polos en contacto cos medios de comunicación e “rachar” o descoñecemento mutuo que existía. Dende entón “o treito percorrido foi longo” dicía, explicando que houbo dous momentos determinantes, o primeiro en 1999 coa emisión do programa ao través de internet, o que “supuxo achegar a iniciativa a recunchos de todo o mundo”, e o segundo en 2000 “cando entrou na parte técnica a Radio Municipal de Tui” explicou Xerardo Feijoo, sinalando que “dende entón este foi un dato determinante na evolución da experiencia que este ano se acrecenta”.

Lourdes Carita, representante de Ponte...nas Ondas! en Portugal, destacou pola súa parte a gran novidade na parte lusa da incorporación dunha escola de Madeira, e a volta a participación do Instituto de Beradêro e do Colexio Pedro Segundo de Brasil. A isto engadiu o feito de que por vez primeira as radios do Alto Minho van emitir integramente o programa, o que redundará na súa maior difusión e seguimento.

A este feito contribuirá tamén na parte galega a emisión de Ponte...nas Ondas! ao través da Asociación de Emisoras Municipais Galegas, EMUGA, o que segundo explicaba Jose Font, Director da Radio Municipal de Tui, “converte a emisión en máis complexa ao enlazarse entre as diferentes emisoras por aire, por rdsi e por satélite”.

“Os sons da Ponte” o lema que este ano ten esta xornada de radio interescolar é unha nova aposta de Ponte...nas Ondas! polo patrimonio inmaterial galego portugués que se candidatou a Patrimonio da Humanidade ante a UNESCO o ano pasado. Apostase amais, segundo Lourdes Carita, polos “sons do pasado, do presente e do futuro, porque as tradicións se renovan e refaen en cada xeración”.

Santiago Veloso, Presidente de Ponte..nas Ondas!, pola súa parte destacou as colaboracións musicais que haberá nesta edición de Ponte...nas Ondas! con estreas e temas feitos para esta xornada. Así Narf e Amelia Muge puxeron música a un poema de Rosalía de Castro para interpretar este venres día 26. Mentres Luanda Cozetti estrenará “Alecrin”, un tema galego portugués. E nesta xornada e logo o día 3 de xuño na V Mostra da Oralidade do Porriño, haberá oportunidade de coñecer o “timbila” un instrumento mozambiqueño proclamado Obra Mestra da Humanidade.

Santiago Veloso fixo amais unha invitación ao público e aos escolares a asistir en directo no Teatro Municipal de Tui á esta décimo segunda xornada de radio interescolar, ao tempo que manifestaba o seu agradecemento ao Concello de Tui e a emisora municipal pola colaboración prestada. Do mesmo xeito, Moisés Rodríguez, Concelleiro de Cultura de Tui, agradeceu que a presentación deste ano tivese lugar en Tui e destacou á Radio Municipal de Tui e o Teatro Municipal coma elementos importantes nesta edición.


Ponte... nas Ondas